TRANSPORTE

Trasmiras e Sandiás reclaman un mellor servizo de transporte

Diversos alcaldes da zona quéixanse do novo servizo impulsado pola Xunta de Galicia

Algúns alcaldes da comarca da Limia mostraron o seu descontento co novo servizo de transportes públicos da Xunta de Galicia. É o caso dos rexedores de Sandiás e de Trasmiras, que solicitaron unha serie de reunións con responsables da delegación territorial de Infraestruturas para acadar melloras neste aspecto, ás que todavía non foron convocados.

"En Sandiás antes tiñamos autobuses nos dous sentidos, un que ía a Verín e outro a Ourense. Agora os servizos que veñen de Xinzo entran na autovía en Xinzo e pasan por fóra de Sandiás. Lévalles máis tempo entrar na autovía que chegar a Sandiás, cando se van pola estrada nacional é moito máis fácil e rápido", manifestou o alcalde, Felipe Traveso. Neste senso, o servizo de autobuses que se está prestando en Sandiás "moi deficiente" segundo o rexedor local, é o compartido co colexio do municipio. "Para coller un autobús a Ourense hai que ir a Xinzo e, unha vez alí, hai que ter sorte de che coincidan os horarios", engade Traveso.

Do mesmo problema se queixa o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos que levará ao vindeiro pleno, (que terá lugar a finais do mes de febreiro) a aprobación de dúas plazas de taxi para o municipio. "Reiterei por escrito a miña petición á delegación, pero non obtiven resposta. Puxeron unha línea regular pero non cubre as necesidades", dixo Pazos.

Te puede interesar