Opinión

Trobadores do noso tempo

A música e a poesía sempre tiveron un importante nexo de unión. Poderíase dicir que camiñan xuntas pois, dentro dos diversos estilos, sempre compartiron mensaxe e ritmo. Con todo, a partires de mediados dos sesenta do século pasado, xa no solpor da ditadura franquista, en todo o estado apareceron os chamados cantautores que poñían de moda a canción protesta; era este un movemento musical que xa existía noutros lugares do planeta e que afincábase en España aportando un novo estilo que rachaba coa canción folclórica existente. Os cantautores eran, xeralmente, persoas que coa súa guitarra lanzaban ó vento cantigas que tiñan un fondo contido social; cantigas que reivindicaban ós poetas proscritos pola ditadura e traían unha linguaxe nova e moi diferente á que daquela imperaba. Eran os trobadores que anunciaban un tempo novo. Xente que con moitas inquedanzas sociais e incluso políticas denunciaba e empregaba a música para dar a coñecer ideas e ansias de liberdade.

Pois ben, hai uns días galardoaron co Nobel de Literatura a un trobador americano. Unha persoa que, como outros trobadores que tiñamos máis perto de nós, soñaba cun mundo mellor e denunciaba os males da sociedade onde vivía. Denunciaba a marxinación dos negros, a guerra do Vietnan, etc. As súas cancións foron traducidas a moitos idiomas e algunhas daquelas sinxelas melodías foron adaptadas, cambiándolle a letra, cousa moi discutible, para seren cantadas incluso nas igrexas.

Mais a decisión de galardoar con este premio, que sempre foi adicado á literatura, a un músico, veu amosar á necesidade de ampliar o eido desta distinción recoñecida en todo o mundo. Tal decisión da Academia sueca lévame a reflexionar sobre a calidade dos textos e músicas que seica son a base para recoñecer a laboura do señor Dylan. No mundo, e mesmo no noso Estado, hai cantautores con músicas e letras poéticas realmente fermosas que son fondamente literarios e poéticos, aínda que menos coñecidos co mencionado americano, e superan a calidade do premiado. Con todo, a distinción tamén recoñece ós trobadores que lle cantaron á vida e á xente; que escribiron músicas e textos fermosos e cheos de sensibilidade humana, de denuncia social e fondamente artísticos e de gran calidade. Citarei dous moi coñecidos: Serrat e Aute. Pero, como dicía Nebrija hai moitos anos: “La lengua y el imperio caminan juntos”. Pode que exista certo recoñecemento baseado unicamente na popularidade e na difusión da obra na lingua inglesa.

E este argumento lévame a unha conclusión: se o premiado non fora americano e non vendera millóns de discos, sería considerado e proposto para este recoñecido galardón? Posiblemente non.

O feito de que se ensanche o campo dun premio e se inclúa o texto e a obra musical dentro dos seus obxectivos paréceme, non obstante, positivo. A palabra expresada nos textos e a poesía unida á musica ten moita máis forza que cando camiña soa desligada da arte musical.

Te puede interesar