INICIATIVAS

O turismo rural de ‘Limia Verde' ve o futuro na rede

<p></p>
photo_camera Casa rural Rectoral de Ansemil en Celanova, actual seda da asociación 'Limia Verde'

A asociación reúne a 14 establecementos e aposta por Internet fronte á irregularidade da ocupación

A Asociación 'Limia Verde', que engloba a 14 casas rurais, está centrando todos os seus esforzos en ter presenza na rede. Segundo Javier Torquati, presidente da asociación, actualmente as casas de turismo rural están funcionando case exclusivamente vía Internet. Durante os últimos tempos cambiou o sistema de promoción e agora as accións céntranse na oferta nas páxinas web, foros, buscadores... Así mesmo, dende a asociación danse conta da necesidade de contar cunha persoa traballando exclusivamente nesta clase de medios sociais.

A promoción que están seguindo dende 'Limia Verde' focalízase, sobre todo, nos recursos de augas termais da provincia. Desta forma, estase facendo especial fincapé nos espazos termais das zonas de Ourense, Bande e Lobios. Javier Torquati asegura que este enfoque está tendo moi boa acollida entre os clientes, que proceden maioritariamente das capitais galegas, especialmente de Vigo e A Coruña. Así mesmo, o presidente do colectivo sinala que tamén veñen moitos clientes de Madrid. Dende a asociación entenden que a presenza nas redes sociais débese facer conxuntamente, e non por separado, para así evitar perder forza e ser capaces de captar máis atención.

Estes novos rumbos do turismo rural son unha reacción ante a irregularidade da ocupación, que cada ano é máis drástica. Tal e como explica Javier Torquati, o pasado ano 2016 continuou con esta liña de altos e baixos na actividade das casas rurais. As épocas do ano nas que a ocupación se mantivo máis alta foron o Nadal, o Entroido e máis o verán. No resto de épocas a ocupación queda practicamente limitada aos fins de semana e festivos.

Para fomentar a hospedaxe nas casas nos últimos meses do ano, Turismo de Galicia organizou o "Outono Gastronómico". Trátase dunha campaña que se desenvolveu entre o 15 de setembro e o 18 de decembro e na que se promocionan ofertas para fins de semana entre as máis de 90 casas rurais de Galicia. Segundo a asociación a pasada edición tivo un bo resultado para as casas participantes. Así mesmo, unha estratexia que moitos establecementos están levando a cabo para non ceder ante a irregularidade do sector é reconverterse en restaurantes.

Javier Torquati valora positivamente a actividade das casas rurais de Limia Verde nas festas de Nadal. Destaca que os clientes que se hospedan nestas datas son persoas que veñen visitar aos seus coñecidos, así como familias completas que se xuntan en casas rurais para celebrar estas festas.

Te puede interesar