Opinión

Unha cantiga de amor

Non sei se será porque as cantigas, pouco menos que feitas en serie e que sempre rematan con ritmos e esquemas semellantes, xa cansan. Ou se as músicas, maioritariamente adobadas de imaxes e moita e diversa escenografía para chamar a atención, tamén aburren, dado que son pezas que sempre empezan cunha introdución lenta, para logo rematar cun marcado acento de discoteca, ou se o prefiren, de chunda chunda. Por iso o acontecido no Festival de Eurovisión parece indicar a volta do romanticismo. A cantiga gañadora, cun texto emotivo e fermoso, a simplicidade da voz ben timbrada e un acompañamento sinxelo parece que marcan un novo camiño na música denominada como lixeira. 

Todo é posible. Alguén dixo que na música todo está inventado e que nada novo aparece, se non que son as modas que van e veñen, con algunha variante que chama a atención dos ouvintes. E xa se sabe que, na moda, un factor importante a ter en conta é xogar con cansazo da rutina repetitiva que nestes tempos, pouco creativos, invade o espazo sonoro. O certo é que unha cantiga de amor sinxela, cun acompañamento fermoso, pero ben construído, e unha interpretación xenial, xunto con outras cuestións como cantar sen renunciar ó idioma propio do país, lle deron o primeiro trunfo a Portugal no Festival de Eurovisión.

Ben sei que no festival, por ser tan diverso na participación, é realmente complexo elixir unha música gañadora, pois a multiculturalidade xa de por si invita a ter criterios de elección diversos. Iso, sen esquecer as afinidades de veciñanza xeográfica, de lingua e mesmo cuestións políticas, que si existen. Logo veñen as peculiaridades dos xurados de cada país participante, pois uns son dun xeito e outros doutro. Con todo, desta vez parece que na cuestión musical houbo bastante consenso. E unha cantiga na que o sosego e a paixón interpretativa, xunto coa simplicidade na escena, foi capaz de engaiolar a maioría dos xurados dos países participantes. Acadou un claro trunfo fronte a pezas con ritmos e escenografías diversas que arroupaban outras propostas musicais. En fin, gañou a música sen aditivos nen compoñendas.

Pouco que dicir da representación do Estado. Cecais o único aviso é para os que elixen a cantiga, pois teñen que afinar máis nas súas propostas. Dado que estas aparecen como seguidoras desas músicas despersonalizadas ás que lles falta alma, tensión e contido musical.

En fin, felicitacións ós nosos veciños portugueses, e sobre todo parabéns porque unha melodía fermosa con aires de antano, xunto coa xenial interpretación de Salvador Sobral foi considerada gañadora desa cita musical que camiña, ano tras ano, un tanto floxiña. 

E para o representante español pois nada: pacencia que quedar primeiro pola cola non está mal. Soamente temos que darlle a volta á clasificación para pensar que somos os primeiros, claro que sen agasallo. 
 

Te puede interesar