ARTE ET ALIA

Valladares e Puig, paisaxes, cadeliñas e camelias

_expo_result
photo_camera Un momento da presentación da exposición de Valladares.

As de Valladares, unhas obras xurdidas arredor de 2015 tralo seu reencontro cos pinceis

Eduardo Valladares (n. 1946) trae coas súas 'Ilusións renovadas' dende os seus 72 anos, unhas obras xurdidas arredor de 2015 tralo seu reencontro cos pinceis. O detonante da creatividade, a chispa da inspiración, tirouna dende os seus pequenos yorkshire, aos que deu en debuxar como xogando, co carbonciño, e dende os resultados acadados, retomou a acuarela dende a que fixo aos vinte un anos a súa primeira exposición en Vigo. Para a cidade olívica fixo o pintor pontevedrés de Ponte Sampaio o pasado ano a mostra. E veu con Alex Vázquez-Palacios, da mesma terra, amigo e coetáneo dil, ademais de artista, que fixo de introdutor. Este ten como eixo temático a natureza e as súas vibracións. E tamén así Valladares. Na mostra as paisaxes á acuarela conforman o núcleo. O artista prefire as paisaxes castelás, de chairas e campos, que pinta co gris de Payne, polo que confesa sentir deferencia. Son espazos do rural, estáticos e tranquilos, sen nada especial neles, agás a calma... fronte ás mariñas cheas de movemento. Nelas, ademais dos xogos cromáticos do azul e o branco da escuma, que presenta ante nós en acaídos conxuntos, innova co gris noutros. E refuga sempre a presenza humana, que evita, aínda que por veces, nas casas ou obxectos, deixa este artista realista constancia dela. Gusta de traballar a plein air, postura que cambiou a aqueles artistas franceses do Realismo de Barbizón. e con eles a arte co estilo do Impresionismo na segunda metade do século XIX. A súa influenza perdura hoxe como un canon en moitos artistas, epígonos deles, nun mundo das artes ben distinto, algo semellante ao estilo dominante naquela Francia fronte ao que aboiaba en Montmartre Monet e os seus amigos. As cadeliñas, son unha homenaxe persoal.


Andrés Puig, Las Tunas/Cuba.


Vive o artista en España dende comezos dos anos oitenta, e reside na Serra Norte de Madrid, en La Cabrera/Valdemanco. Nas obras que se poden ver en Ourense, desfilan o tango e o vals, a Dama de las Camelias ou a Traviata, os mitos das Valkirias xermánicas e o Tucán brasileiro. Destaca nos cadros a súa posta en escena, como de teatro de varietés, e vodevil, amparada nunha técnica que debe moito ao puntillismo impresionista de finais do século XIX. Son imaxes da rica cultura europea, e das fontes caribeñas e africanas, trufadas da literatura de Nicolás Guillén e Lidia Cabrera, entre outros. Na densa rede das miúdas pinceladas insire fragmentos de obras de Giorgione, Géricault, Wistler, Dégas ou o xaponés Utamaro, como se fosen recortadas, forman conxuntos a pequena escala. Decántase por sexualizadas mulleres, do Courbet máis escandaloso coas mulleres que se abrazan, ou unha transmutada e espida Leda co espello no diván turco, tomada de Balthus. En contraposición con aquela, pinta grandes damas cubertas por amplos vestidos brancos, as Camelias. Son os mundos dun artista que promove dende o seu Museo e Fundación o desenrolo e difusión das Belas Artes Iberoamericanas dende fai uns quince anos. Puig e Valladares están en Visol e na sala cero do centro cultural da Deputación, respectivamente.

Te puede interesar