Opinión

Vive e deixa vivir

Hai que tomar a vida como cadre. Se vén mal, pegámoslle unha reviravolta e facemos que se coloque ben. Se vén ben, plantámoslle un biquiño nos fociños e tiramos para adiante. Tamén é bo tomala con sarcasmo, home! Se non a tomamos así, non se entende o que acontece en Lugo. O PP pide que se organicen nesta cidade amurallada xuras de bandeiras para civís. Coma se non houbera outras cousas polas que pedir. Sinceramente, non sei como tomar o asunto, o enredo. Tomalo de broma é darlle quizais demasiada importancia. Tomalo con indiferenza é deixar que, ó mellor, outras ansias pepeiras sigan a súa viaxe cara a un totalitarismo sen fin. A vida, é verdade, que ás veces é complicada. Aínda que quizais sexa mellor dicir que a vida fana algúns moi complicada. E coa sinxeleza que ten; todo consiste en seguir o lema ou a lenda de “vive e deixa vivir”. Non, hai que complicar todo. Agora montemos en cada barrio un mastro, colguemos unha bandeira e todos os sábados ou domingos berrar ben forte: “por Dios, por España y por el Rey!”. Amén.

Te puede interesar