Opinión

Un xiro que transcende México

O contundente triunfo de López Obrador en México sen dúbida terá consecuencias sobre o panorama político Latinoamericano, malia a presión do Governo de Trump sobre a rexión. Neste aspecto, non se pode obviar a sucesión de golpes institucionais regresivos que se deron nos últimos anos, mesmo baixo o Governo de Obama, pra forza unha viraxe á dereita. Lembremos os casos de Honduras, Paraguai e Brasil. Agora ben, mesmo deste xeito, e aínda que a inxerencia externa non se poda ignorar e as políticas globalistas teñan moita forza, os resultados electorais en México, a resistencia amosada por Cuba, Venezuela e Bolivia, e os fracasos das medidas neoliberais en practicamente todos os países reflicten un terreo propicio pra máis viraxes anti-neoliberais. O aumento da contestación social así o amosa, por exemplo, o paro nacional do 25 de xuño na Arxentina, convocado pola CGT, co apoio das dúas CTA, foi un éxito. 

Pode que a esquerda e as forzas progresistas latinoamericanas teñan cometido erros, que o suxeito político pra o cambio non fose o axeitado, e que non se lle dese importancia abondo á globalización e ás corporacións como atrancos prás transformacións. Pode que non se valorase correctamente o papel dos medios de información, o valor da coherencia da mensaxe e a importancia do debate das ideas. Mais, non se pode esquecer, que os partidos neoliberais, unha vez no poder, agudizaron a desigualdade e a pobreza, e non foron quen de desenvolver a economía e crear emprego de maneira sostida. Non sendo cando o desenvolvemento estaba inducido por factores externos, como a venda de materias primas a China e a outras potencias en rápido medre. 

En perspectiva de futuro, a diferencia é, que mentres as forzas reformistas son capaces de ver os límites do sistema, e apostar por reformas, mesmo que as veces sexan insuficientes ou non sexan as apropiadas, os partidos sistémicos (tanto liberais como conservadores) están comprometidos con manter un modelo económico e social que está na súa etapa senil. Daquela, que os Estados Unidos e aliados recorran cada vez máis á ameaza militar, á intervención exterior, ás sancións e á imposición de aranceis como medio pra supeditar as regras de xogo aos seus intereses xeoestratéxicos. Iso non quer dicir que, en determinadas circunstancias e conxunturas, non favorezan as economías de certos países dependentes, como excepción, sexa por razóns estratéxicas ou por necesidades da cadea de valor. Mais ese non é o caso, por exemplo, nen de Arxentina, nen do Brasil, malia a súa dimensión, xa que están moi afastados das áreas de conflito entre as grandes potencias, e son substituíbeis. 

Polo tanto, neste contexto internacional, tan complexo, no que Trunp pretende, mediante a presión político-militar, supeditar aos intereses de Estados Unidos a participación de cada país de América Latina, e non só dela, no reparto da riqueza e do poder. Daquela, que a rexión sufrirá especialmente este reaxuste comercial, tendo en consideración a aposta doa países da rexión pola globalización neoliberal, e dado que segundo Washington deben dar as costas a China, Rusia e outras nacións, que considera adversarias. Mais, esta situación conflitiva, tamén pode ser unha oportunidade pra que América Latina recobre autonomía e intensifique as relacións internas en todos os aspectos. Que López Obrador governe México debería axudar neste sentido. Un cambio que dependerá ademais dos vindeiros procesos electorais na Arxentina e Brasil, ou sexa, de que se resolva democraticamente a situación xudicial de Cristina Fernández e Lula da Silva. E que o movemento sindical e partidario sexa quen de construír suxeitos sociais e políticos con proxecto estratéxico propio, e cunha extensa militancia e capacidade de mobilización. 

Te puede interesar