Opinión

Xosé Velo Mosquera, a paixón pola revolución

 

 

Hai cincuenta e cinco anos unha acción audaz protagonizada polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestrara o paquebote “Santa Maria”, con oitocentas persoas a bordo entre pasaxe e tripulación, entre os que había moitos galegos. Os medios de comunicación agocharan as intencións políticas do secuestro, para chamar a atención da opinión pública mundial e condenar as dictaduras de Franco e Salazar, en España e Portugal. 

Pouco se sabía da organización autora daquel secuestro, e moito menos dos nomes dos seus dirixentes. Mais axiña comezaron a chegar novas que os ían desvelando. O exmilitar portugués Henrique Galvao era un deles; e dous galegos, un de Vilaxoán, José Fernández “Comandante Sotomayor”, e outro de Celanova, Xosé Velo Mosquera, “Xunqueira de Ambia”.

Moito se ten escrito sobre aquel acontecemento revolucionario. José Fernández na década dos setenta publicou un libro titulado “Yo secuestré el Santa María”. Pero foi Miguel UrbanoTabares Rodrigues, un xornalista portugués que formaba parte do DRIL, e que co paso do tempo, despois da Revolución do 25 de abril, sería director de O Diario e deputado do Partido Comunista Portugués, quen o desmintiría, certificando que: “O verdadeiro comandante, o autor dos plans, o executor dos plans, o executor real do secuestro do Santa María rebautizado por nós 'Santa Liberdade' foi Xunqueira de Ambia, Pepe Velo”.

Eu tiven ocasión de visionar un pequeno documental gravado por Luís Noia, que viaxaba no barco, e a quen Pepe Velo lle permitiu filmar a reunión que os tres dirixentes mantiveron co comandante da frota americana no Atlántico; a película estivo custodiada durante moitos anos polo seu autor, ata que en 1983 lle propuxen ao Centro Rexional da TVE en Galicia facer un programa especial dedicado a divulgar as intencións da odisea e a Pepe Velo.

A biografía de Pepe Velo, malia a súa curta vida (1916-1972) é densísima. Comezou a militar aos dezasete anos na Federación das Mocidades Galeguistas en Celanova. En 1940 trasladouse a Vigo onde abríu unha academia de ensino que simultaneou cunha militancia na resistencia antifranquista ata a súa caída catro anos despois, sufrindo torturas e cárcere. Aproveitando a concesión da liberdade condicional fuxíu e buscou agocho durante un ano en Celanova, para logo, despois de grandes peripecias, embarcar en Porto cara Venezuela, onde seguíu co seu activismo político e cultural.

Durante o seu exilio en Brasil abríu unha librería, tranformada posteriormente na Editorial Nós. Dous anos antes do seu pasamento fixo recapitulación da súa vida: “Durante todo este tempo de exilio algo bo fixen entre o moitísimo que non fixen e o moito que puiden ter feito. Nas miñas enxoitas carnes sentín e sentín fondo, podedes crérmo, aquilo que aprendera nos anos mozos, mellor dito, na mocidade semeada de inquedanzas resumidas no amor ao meu pobo e dedicación ás súas xentes”.

Sempre tiven moitísima admiración e respecto por Pepe Velo, que, por certo, fora moi amigo de meu pai, pola súa entrega á causa galega e á liberación dos pobos oprimidos. Dúas reflexións súas estiveron sempre no meu maxín: “O que menos importa é o pasado glorioso se non serve para outra cousa que conmemóralo; ese pasado pode adormecernos e arruinar para sempre o noso ser. Non esquezades que se nós conmemoramos aos nosos ancestros, os nosos fillo teñen dereito a conmemorar tamén, é nosa a obriga de axudar a facer memorables estes días do noso camiñar pola vida”.

Gardo con devoción as fotocopias da súa obra inédita, literaria e de pensamento, e as “ordes do día” do DRIL publicadas durante o secuestro que hai ben anos me entregou o seu fillo Víctor Velo, que o acompañara no “Santa María”.

A moitos coetáneos seus chamáballes a atención que en cincuenta e seis anos de vida puidese ter unha biografía tan densa. Abríu camiños que outros transitaron despois, superando o pesimismo da razón co optimismo da vontade que explicitou poeticamente nestes versos: “Pois que me preguntas, xa sabes/ de onde me vén o folgo/para cantar a miña esperanza:/ Da visión do futuro/que anque sempre chega/endexamais se alcanza”.

A Fundación L. Peña Novo coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística quere perpetuar a memoria de Pepe Velo na paisaxe urbá de Vigo descubrindo unha placa conmemorativa en lembranza da súa inmorredoira memoria hoxe, día 2, ás 16:30 horas, na rúa López Mora, no edificio coñecido polas “casas de Pernas” nas Travesas.

Te puede interesar