Domingo 14 de marzo de 2010
última actualización: 19:58
última actualización: 19:58
Última hora:
A poeta e agora narradora Rosa Enríquez (A Rúa) irrompe na novela con ‘Unicrom’, unha obra de ciencia-ficción que abre novos espazos á literatura galega.
Que cambios se producen nunha autora cando traslada o ámbito da súa escrita da poesía á narrativa?
En principio a min gústame escribir, e a palabra está aí para dispor dela. A narrativa é unha necesidade de contar. Xurdiu de xeito natural. Non o busquei, ocorreu naturalmente. A miña esencia era escribir poesía, pero no meu blog comecei a contar unha historia a xeito de divertimento e foron fraguándose personaxes, e dinme conta que tiña unha historia. Si existen cambios, pois hai diferentes entre poesía e narrativa, pero nesta mantense un fondo lírico.
Os temas que atravesan a súa poesía coinciden cos que latexan na súa narrativa?
Si. Nesta novela un dos temas que aparece é a identidade, común ao poemario ‘O vestíbulo da devastación’. A cuestión existencial tamén se atopa nos dous eidos.
A novela xermola no seu blog. Que estadio ocupa este na súa obra?
A rede forma parte xa do tecido poético e narrativo do século XXI. No meu caso ten importancia, porque nel fraguouse a novela. Como modo de expresión e para comunicar. Forman parte da identidade dalgúns autores.
O universo narrativo de ‘Unicrom’ é pouco común. Retráteo brevemente.
Conta con tres niveis textuais. No primeiro está a historia e os amores, guerras e intrigas que acontecen ao longo da mesma. O segundo sería o do pensamento que subxace, vinculado ao gnosticismo, o transcendentalismo, o unitarismo. Na terceira esfera atópase a estética da narración, fondamente lírica. A historia en si trata de dous universos paralelos, un real e outro alternativo, que é onde vive unha colectividade futurista, moi singular porque ao longo da novela dáse conta da configuración ética da mesma, que se resiste á decadencia do individuo. Para iso, defende a importancia da educación emocional, do uso da linguaxe, e da convivencia harmónica entre na natureza e o uso da tecnoloxía.