Sábado 11 de febrero de 2012
última actualización: 15:40
última actualización: 15:40
Última hora:
A loita que protagonizaron as mulleres da parroquia carballiñesa de Arcos no ano 1973 na defensa da fonte termal de 'O Bañiño' obtivo onte o recoñecemento das autoridades municipais, nunha homenaxe promovida pola Concellería de Igualdade e Benestar á que asistiron representantes da Corporación e veciños da localidade.

Ó mediodía de onte e no contorno do manancial termal, que é visitado por milleiros de agüistas ó longo de todo o ano, a responsable desta área do Concello, a nacionalista Áurea Francisco, tivo tamén unha lembranza para Dolores López Filgueira, a propietaria que cedeu os terreos e a fonte no século XIX 'para o seu uso público e de toda a xente pobre'.
Así, operarios da brigada municipal de obras e xardinería colocaron un monolito e prantaron unha árbore xunto ó manancial, situado na ribeira esquerda do río Arenteiro. No monumento figura unha lenda do historiador carballiñés Felipe Senén López : 'Este loureiro de esperanza que afonda as súas raiceiras na terra e na auga, érguese á luz e ó aire en homenaxe a Dolores López e a tódalas mulleres de Arcos, é enseña de loita traballo e ben'.
COMPETENCIA
A edil de Igualdade resaltou o papel das mulleres e, tamén, dos veciños desta parroquia, 'cando hai 37 anos opuxéronse á usurpación duns terreos públicos, que a señora Elena Quiroga (propietaria do Gran Balneario do Carballiño) quixo pechar porque a fonte termal gratuita competía co seu negocio'. Unha xoven, Sonia López, descendente da homenaxeada, agradeceu ó Concello 'o recoñecemento que se lle fai a miña tataraboa, que donou esta finca para que tódalas persoas poidan disfrutar das propiedadesn curativas destas augas do Bañiño'. Veciñas da parroquia lembraron os sucesos de 1973, 'cando os donos do balneario carballiñés pecharon o recinto da fonte termal e construiron unha caseta de ladrillo'.
Un grupo de mulleres de Arcos, 'armadas con sachos e outras ferramentas acudiron de noite e conqueriron derrubar a edificación, que impedía o acceso libre ó manancial'. Ademais, os veciños presentaron no Xulgado de Instrucción unha denuncia contra o Concello do Carballiño, 'pola ocupación dun espazo público', se ben o entonces alcalde, Javier Perea, e a Corporación municipal, 'non se puxeron do lado dos veciños ó estar baixo o réxime franquista', apuntaron as mulleres.