Miércoles 22 de febrero de 2012
última actualización: 21:10
última actualización: 21:10
Última hora:
rezada Ana:Recibín hai uns días unha postal preciosa. Era d' A Habana. Nun principio, olleina con certa incredulidade, mais logo comprendín que si, que evidentemente era túa. E alí estabas novamente, no paraíso caribeño, con azos, supoño, de vivires a tope ese amor encendido. Estás feita unha 'gentlelady', darling!! Entre perfumes e afeites, vexo que enfeitizas aos homes. Sobre todo a un, ese que che trae de avión en avión, para pasar unha semana contigo despois de tanto tempo sen vervos. Debe ser durísimo estar namorada dun tipo que vive a miles de quilómetros e que, ademais, non ten un can para vir por aquí, caendo, deste xeito, todo o peso da relación sobre ti. Es unha crak. Auténtica. Un animal humano marabilloso. Abofé que si! Dígocho co corazón na man, pois admiro ese teu espírito
O aburguesamento alimenta actitudes hipercríticas con todo aquilo que sae dos límites marcados, e ti, Ana, atravesaches os devanditos límites hai tempo. Que dirán agora de ti, rula? Dirán, por exemplo, que es unha 'descerebrada', que se che foi a pinza, que xa imaxinaban que farías algo así? Que andas desesperada. E que digan o que lles pete!! Ante casos coma este, de 'sucidio social' por amosar sentimentos desmedidos en público, sexa en vivo e en directo -coma o día aquel que fuches correndo tras dun tipo porque non podías soportar que te abandonase- sexa en diferido -cando alguén, evidentemente eu non, conte que fuches buscar o teu home a Cuba-, vén sempre á miña cabeza a frase dun amigo meu, bastante listo por certo, que reflicte claramente o apoio incondicional que intento transmitirche nesta carta. A frase era a seguinte, toma nota: 'Prefiero lo hortera a lo cursi'. Suficientemente claro? Eu coido que si. Digamos que o charramangueiro, suscita simpatía e, ás veces, mesmo tenrura. O cursi, pola contra, chirría tanto!
Sempre fuches algo almodovariana, kitsch ao máis puro estilo Kika, e, malia que isto incomode a algunhas persoas, a min agrádame. Abofé que si! Daquela, prégocho, nada de poñerte circunspecta agora polas críticas recibidas. Non soportaría verte convertida nunha snob. Sería unha degradación absoluta. Eu véxote ben así, co teu riso excéntrico e as ganas tremendas de sobrepoñerte ao que sexa. Con vivida vivida detrás. E por iso quero darche os meus parabéns, por ousar manifestar a febleza, e, nesa mesma manifestación, virar indestrutíbel, coma o Fénix, na procura da felicidade. Supoño que Cuba deixou unha fonda pegada en ti e que, unha vez dentro, non soubeches como deixar de pensala. Talvez por iso, e, tendo conta desa paixón que te devora, imaxino que baixas do avión cantando aquilo de 'Nunca podré morir, mi corazón no lo tengo aquí. Allá me está esperando, me está aguardando que vuelva allí? Cuando salí de Cuba, dejé mi vida, dejé mi amor.' Ana, creo que non es moi consciente do valor reúnes neses cento setenta centímetros de humanidade e do que deberían aprender de ti algúns que eu me sei. Aprender, por exemplo, a ser un chisco máis xenerosos e humildes. A saber pedir perdón. A querer, en suma, coas entrañas, porque así é como se quere: coas vísceras ardendo. Querer, Ana, ti o sabes ben, non se pensa. Séntese e punto. Eis a causa do estrañamento que provoca en min esa lista de frases de ruptura, esteticamente postmodernas, mais covardes: 'non é cousa túa, son eu', 'somos incompatíbeis', 'es demasiada muller para min'?