Viernes 3 de septiembre de 2010
última actualización: 17:38
última actualización: 17:38
Última hora:
Un cento de persoas participou onte nos actos programados no Carballiño pola Federación de Libreiros de Galicia co gallo da entrega dos ‘Premios Irmandade do Libro’ na súa decimo octava edición. Unha ruta sendeirista, espectáculos musicais e teatrais e unha cea de confraternidade encheron a xornada. Os directivos da organización entregaron os galardóns ós representantes das seis entidades galardonadas -o Instituto Blanco Amor de Ourense entre elase ó escritor Xavier Puente Docampo.
A decimo octava edición dos ‘Premios Irmandade do Libro’ desenvolveuse onte na vila do Arenteiro baixo a organización da Federación de Libreiros de Galicia e a colaboración do Concello. Un xurado presidido por Xurxo Patiño Pérez, presidente da federación, seleccionou ós gañadores das sete modalidades que constitúen o premio entre 18 entidades, tendo en conta que o gañador en obra literaria, Xavier Puente Docampo, xa fora elexido con anterioridade.
Deste xeito, no eido de ‘Fomento da lectura’, o premio correspondeulle ás bibliotecas públicas do Concello de Oleiros (A Coruña); o Instituto de Secundaria Blanco Amor de Ourense foi o triunfador en ‘Centros de ensino’; a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, en institucións; e a Colección Rescate de Alvarellos Editora en ‘Obra Editorial 2008’.
Percorrido
A novela ‘Festina Lente’, de Marcos Calveiro, de Edicións Xerais, fíxose acredora do ‘Libro do ano 2008’, mentres a librería Andel do libro galego e portugués, de Vigo, que rexenta Xaime Nogueira, de Boborás, gañou na súa categoría. Un cento de representantes das institucións e entidades premiadas, acompañados por membros da federación, participaron nesta xornada de confraternidade.
Unha boa parte deles percorreron o sendeiro existente entre o Parque municipal do Carballiño e o Museo Etnográfico, seguindo a beira do río Arenteiro.
Logo do retorno a pé ata o centro da vila, asistiron a unha actuación da cantante Uxía Senlle e do contacontos Cándido Pazó, no salón de actos do Casino Cultural. Xa pola noite, o restaurante O Pote acolleu un acto literario presentado polo historiador Felipe Senén López, ó que seguiu a cerimonia da entrega dos galardóns, no decurso dunha cea de clausura.