Consciente de que non vou ser de todo obxectivo, pero tamén de que a subxectividade non me vai nublar as ideas, saúdo hoxe a saída do noveno traballo que a factoría fado-saudosa de María do Ceo acaba de sacar á rúa e que moitos de vostedes probablemente xa tiveron o pracer de escoitar no concerto que ofreceu onte pola noite no marco festivo da Praza Maior ourensá.
Hai varios anos que, cada vez que a amizade que nos une dende que a súa voz empezou a soar en solitario, nos xuntaba, eu non lle calaba con que nalgún intre debería poñerlle voz ós poetas de Celanova porque, ó meu ver, eran moitas as letras -musicadas e interpretadas case sempre por voces masculinas- que se tiñan que mimetizar maxistralmente nos rexistros interpretativos que tan marabillosamente lle viña aplicando á música portuguesa.
Andou o tempo e o que naqueles momentos non pasaban de ser futuribles sobremesas, empezou a ter visos de realidade cando presentamos a proposta no seo da Fundación Curros Enríquez no marco da conmemoración do centenario do poeta e a tódolos patróns lles pareceu atractiva a idea.
Daquela proposta abroiou agora este ‘No bico un cantar’ que vai marcar, sen ningún xénero de dúbidas, un punto de inflexión vital na traxectoria musical de María do Ceo.
Nace -da man de Curros Enríquez, de Castor Elices, de Celso Emilio Ferreiro, de Méndez Ferrín, así como de Serafín Marqués e de Armando López- unha María do Ceo arraiana no senso ferriniano do termo. Unha María do Ceo que, sen renunciar á alma de fado que por nacencia aniña nela, experimenta (por dereito propio dos sentimentos que atesouran as letras dos poetas celanovenses) unha fermosísima translación cara -e isto non é querencia de amigo, senón pura comparativa- os mellores rexistros da música actual galega.
Son dezasete cancións. Dezasete pezas únicas que deben ser gozadas do mesmo xeito que se goza dun bo viño, batendo cada grolo con agarimo no paladar do silencio, non sen antes deixarse levar polo arrecendo aromático dos acordes musicais que as acompañan -e que tamén proceden da súa factoría-, para deixalas repousar finalmente no fondallo pracenteiro da memoria, ata que outro grolo esperte anovado outro caudal de emocións nidiamente galegas.
Nace, pois, da man do capital literario de Celanova, unha nova María do Ceo que, sen deixar de ser portuguesa, instálase agora -con este disco- no máis dourado camarín da música galega.