Sen lugar a dúbidas o sector máis dinámico da actividade agraria no noso país está hoxe relacionado coa produción de leite, e nun segundo plano coa explotación de carne, viño, madeira... Adicanse a esta actividade unhas 13.000 explotacións gandeiras que producen 1/3 do leite do Estado español. É un sector onde todo o fixo a iniciativa privada, mediante créditos que agora poden seren un drama pra unha grande parte das familias entrampadas pola queda dos prezos do leite a niveis que están descapitalizando ás explotacións moi rapidamente. Os máis afectados son os máis mozos, que apostaron pola modernización das granxas, pola calidade da produción, e investiron todo o capital que tiñan e pediron créditos pra facer competitivas a nivel europeo as explotacións de leite. Houbo anos con prezos baixos e outros millores, porén desde fai un ano comezaron a caer ate niveis nunca vistos, nalgúns casos mesmo á metade, polo que xa non cubren os gastos da produción.
Dise que a queda dos prezos debese a que aumentou o excedente interno (que se deixou de exportar por mor da crise). Pode ser, porén nos grandes países produtores (Alemaña, Francia e Holanda) os custes medios son de 24 céntimos litro, ao que se debe sumar o transporte, mentres que este leite vendese en Galiza a 16 ou 17 céntimos. Ou sexa, a prezo de dumping, e ninguén no Estado español o evita. Evidentemente pódense ofrecer estes prezos de dumping porque os produtores e as empresas teñen outras compensacións. Non están perdendo cartos, aínda que haxa neses países pequenos produtores que tamén sufran a queda dos prezos. Mais o problema non ten un caracter tan amplo e grave como en Galiza. Evidentemente o problema ten solucións ¡non hai atranco ou eiva que non o teña! Por exemplo, pódense dar axudas ao sector mentres non se estabilizan os prezos (como se fai pola crise co automóbil, a construción e a banca); ou garantir un prezo mínimo, como en Francia e Bélxica, compensando á industria ou ás distribuidoras. Evidentemente isto non é máis que un parche transitorio, porén evita o peche das explotacións e a quebra de miles de familias (o que se trasladaría aos bancos e caixas, afondando os problemas no sector crediticio; así como a outras actividades relacionadas co agro, como a de maquinaria, servizos, etc). Tratase de gañar tempo, algúns anos, e poder axeitar o sector agrario (que é estratéxico) ao escenario económico e social deste tempo de crise, así como o que se conforme posteriormente. Un contexto no que, seguramente, os nosos labregos terán que diversificar a produción, diminuír a dependencia de insumos exteriores, acumular medios mediante cooperativas que permitan transformar o leite e mesmo distribuílo tanto en liquido, como especialmente en derivados (que teñen maior valor engadido). Garantindo así custes máis baixos, maior valor engadido no produto final e un mercado de consumo seguro.
Tanto o Governo central como a Xunta de Galiza teñen unha responsabilidade directa no que suceda nos próximos meses no sector leiteiro. Poden e deben axer, tomar a iniciativa e ofrecer solucións axiña. Foron elixidos pra governar en beneficio da sociedade. Non poden botar balóns fóra cargándolle todas as responsabilidades á Unión Europea ou á crise. Coas mesmas leis, coas mesmas trabas que impón a UE, hai países que lle deron saídas ao problema lácteo ¿por que non o fai o Estado español e a Xunta de Galiza...? Durante toda a esta seman miles de tractores sairán ás rúas do país, na época cando máis traballo hai no agro, queren conseguir deste xeito a solidariedade de toda a povoación. É unha convocatoria unitaria, malia as diferenzas de plantexamentos entre os tres sindicatos agrarios, o que amosa a situación limite. Ningún de nos, comezando polos que somos fillos da aldea aínda que levemos décadas na cidade, debera ficar á marxe desta protesta. Porén tamén debera contar co apoio daqueles que apostan por unha alimentación san, porque a povoación rural siga garantindo a conservación do monte, e continúe sendo o corazón da nosa identidade cultural e lingüistica.