Causa xenreira ollar a dura represión que sobre os seguidores do presidente electo Manuel Zelaya (Mel) fai o goberno golpista de Honduras, mesmo utilizando forzas militares e impoñendo o toque de queda durante a maior parte do día. As consecuencias xa suman varios mortos, duceas de persoas feridas e unha morea de detidos. Din que Micheletti conta co apoio dos empresarios e das forzas armadas do país, o que lle garante (polo momento) manterse no poder malia a condena da comunidade internacional.
Coa chegada clandestina de Mel a Tegucigalpa, a capital de Honduras, refuxiándose na Embaixada do Brasil, medrou a expectativa popular dun retorno á normalidade democrática, un aumento da mobilización social, poren tamén unha maior represión do goberno golpista, con medidas que mesmo paralizaron a actividade económica do país. Mais, sen dúbida, o que alarma é o internamento de centos de detidos en dous estadios de béisbol da capital, un método utilizado tamén no seu día por Pinochet en Chile pra internar, peneirar políticamente, e despois torturar e executar a miles dos retidos.
Honduras é un país pequeno, en termos latinoamericanos, xa que ten unha superficie de 112.492 quilómetros cadrados e 7.320.000 habitantes, que está de actualidade desde o golpe militar contra o presidente constitucional, que quería realizar un referendo non vinculante pra modificar a constitución. As clases dominantes temeron que isto permitira a Mel presentarse á reeleción, e deste xeito consolidar as milloras sociais que executou durante o seu governo dando ademais folgos á participación popular nas institucións. Convén lembrar que Manuel Zelaya é un empresario importante, que formaba parte da elite do país, que asemade o albiscaba como un defensor dos seus intereses de clase, porén unha vez no governo foi mudando, achegándose ás necesidades da maioría social, afastándose do tradicional seguidismo do imperialismo norteamericano. O que amosa que na vida todo pode cambiar, mesmo o que parece máis duro e forte cando se basea en alicerces débiles e inxustos. Isto é a cerna do problema, do violento reaxer das clases dominantes, que agora queren atrancar como sexa o avance popular.
Moitos meios de información de América Latina destacan a actitude de Brasil, o seu paso adiante, xa que Lula arroupou a viaxe de Zelaya a fin de abanear unha situación que de feito consolidaba o golpe, máxime coas fraudulentas eleicións convocadas. Evidentemente a postura desta potencia emerxente non está á marxe do descubrimento de importantes xacementos de petróleo e da defensa da Amazonia, polo tanto de evitar intromisións externas (enténdase dos Estados Unidos) adquirindo material e tecnoloxía militar en Francia (helicópteros, avións de combate, submarinos, un nuclear). En Honduras, o Brasil, co apoio de case que todos os países latinoamericanos, non quere permitir un precedente de golpe de estado, que sabe sempre beneficia aos Estados Unidos, e impide a independencia e progreso da rexión.
Tampouco podemos ignorar que aínda que Obama non recoñeza ao governo golpista, fala de negociar sobre a base de dar pasos atrás sobre a situación democrática precedente, e asemade as medidas que tomou son máis simbólicas que efectivas... se cadra esperando, a súa equipa ou o Pentágono, que o tempo obrigue a recoñecer que Micheletti representa unha situación sen retorno. Esta falsa saída é a que acaba de estoupar coa chegada de Zelaya a Tegucigalpa, co alento de Brasil, e o apoio de Venezuela, xa que agora todo o mundo terá que se quitar as caretas diante dunha situación a pé de trincheira, que non admite divagacións e demoras. Honduras é un país pequeno, porén o que se xoga non é secundario pra a América Latina e mesmo pra Galiza. Porque ademais do xusto e o inxusto, de imperialismo e soberanía, tamén estase botando un pulso entre a coherencia e o teatral na política, entre a verdade e o engano.