Corro pola beira da estrada porque se o fago polo medio da mesma, pode vir un coche e esmagarme. Se me esmaga, claro, mátame. E eu aínda non quero botar un baile cos anxiños do ceo, nin quero flotar entre nubes de algodón branco. Si, tamén hai nubes negras. Pero a negrura sempre significou mal presaxio. Non quero nada negro. Nin tan sequera amores negros. Negra é a morte e por iso corro pola beira da estrada. Claro que podo ter a mala sorte de que me parta, non un raio, senón un eucalipto, por exemplo, deses que agora tantos hai ás beiras dos camiños, neste caso, da estrada. A verdade é que o dilema non é cousa de rir: pola beira da estrada ou polo medio da estrada? Maldito medo á morte! Á morte negra!