Opinión

A xustiza non é ira

Endexamais serei quen de comprender como calquera que teña un mínimo de humanidade no seu ser pode chegar a mancar e, moito menos, asasinar a un neno. Seguro que concordamos todos en que é unha das maiores atrocidades que unha persoa pode cometer. Denota, sen dúbida, unha ausencia total de alma, conciencia, sentido ou como vostedes adoiten chamarlle a iso que, supostamente, nos diferencia dos animais. A nova da detención de Ana Julia Quezada, parella sentimental do pai de Gabriel Cruz, o neno desaparecido durante días e tristemente atopado morto, provocou un inesgotable torrente de reaccións de repulsa, manifestadas, sobre todo, a través dese inmenso vehículo de carga que pode con todo que son as redes sociais. 

As reaccións das horas posteriores, son absolutamente comprensibles. A maioría delas. O que non sentira rabia, impotencia ou dor polo asasinato do pequecho é que non ten corazón no peito. É un feito deleznable. 

O problema ven cando a cabeza e o corazón dan paso ás vísceras como responsables de conducir as nosas accións. Aí xorden comentarios que farían palidecer aos campesiños medievais que aplaudían a queima de supostas bruxas nas prazas dos pobos. Houbo mensaxes de todo tipo, dende os que desexaban abertamente unha horrible morte á detida, ata os que pedían que lles fora entregada para destripala en cerimonia pública, pasando polos que facían énfase na súa cor de pel como se iso fose un factor ou os que  incidían no problema da emigración como causa do suceso. É triste que o racismo ou a xenofobia teñan que aparecer neste contexto. 

Chegouse ao delirio de que circulou con profusión unha mensaxe que aseveraba que se se difundía a 25.000 persoas a presunta culpable recibiría unha condena de 20 anos. “Si llegamos a esa cifra, lo harán” rezaba literalmente. Dígoo porque o recibín. Así, sen necesidade de xuízo nin nada semellante. 

Lendo isto, un cuestiónase se avanzamos moito como sociedade dende a época da Santa Inquisición. A señora Quezada foi detida pola Garda Civil nun, ben seguro, fenomenal traballo de investigación pero agora ten que ser un xuíz quen, en base a probas e declaracións, determine a súa culpabilidade ou inocencia e, conseguintemente, a condena que lle corresponda.

Coma o que máis, desexo que, de ser culpable, o peso da lei caia sobre ela con toda a súa forza e que reciba o castigo máis severo que o marco legal permita, pero, iso si, sempre dentro deses límites. Se os rachamos, teremos un problema serio. Calquera poderá ser xuíz e parte. Calquera poderá ditar sentenza sen probas e as turbas con fachóns prendidos volverán ás rúas para escurecer o sentido común.

Por certo, se alguén ten a tentación de responder con algo de tan mal gusto como “se fora fillo teu...”, a miña fonda admiración pola temperanza e saber estar da nai do cativo. Ao día seguinte da detención da parella do seu ex-marido, chamou a un programa de radio para pedir á cidadanía que non nos deixemos arrastrar pola rabia. Que preferiría quedarse co positivo das persoas e co bo recordo do seu pequecho.

Te puede interesar