Opinión

A xustiza precisa un VAR

Hoxe vou propor que fagamos todos un breve exercicio de imaxinación. Pensemos nun trascendente partido entre o Barcelona e o Real Madrid. Por exemplo, na final da Champions. Día histórico con todo o universo coñecido e parte do outro, pendentes do acontecemento. No momento no que saltan os xogadores ao campo, desátase un extáse colectivo sen precedentes. Pero de súpeto, todos os presentes quedan atónitos. O silencio apodérase de tódalas, ata ese intre, exultantes gorxas. A xente bota as mans á cabeza presa da confusión. O trío arbitral fai acto de presencia no terreo de xogo con cadansúas camisetas brancas do Madrid. Anúncianse pola megafonía como Fulanito Gurucetez, Menganito De Louza e Citranito de los Ramos, membros dunha peña madridista de Burgos. O estupor é notorio e a indignación entre o culerío vai en aumento. Ninguén da creto ao que pasa pero a Uefa decide e, neste caso, foi Florentino Pérez quen designou aos trencillas. 

Surrealista, verdade? Semella imposible de todo punto que algo así poida acontecer.

Pois non tanto. Resulta que nos estratos máis elevados da nosa xustiza, os seus titulares son designados por xente que, tarde ou cedo, son susceptibles de converterse en usuarios da mesma. Refírome, claro está, aos nomeamentos dentro da carreira xudicial que son competencia do ámbito político. Ao meu entender, unha insalubre mezcolanza dos poderes que sustentan e garanten o sistema de goberno no que vivimos. Ese que dicía un cabaleiro británico, que algo sabía da cuestión, que é o menos malo de todos. Produce esta situación un evidente desequilibrio na balanza que un dos poderes teña unha perigosa influencia sobre o outro.

Un escalofrío percórreme o espiñazo cada vez que leo ou escoito sobre xuíces progresistas e xuíces conservadores. O contexto destas etiquetas soe ser, sobre todo, cando toca escoller aos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial que saen, na súa meirande parte, do que se decida no Congreso e no Senado. O caso é que semella que o que aspire a chegar tén que estar desde moito antes decantado por unha determinada liña política.
Non se trata de poñer en dúbida a integridade dos xuíces e fiscais en xeral, pero hai casos abondo que fan desconfíar ata ao máis cándido e convencido dos democrátas. O de Casado é o derradeiro pero a lista é longa e inclúe a tódalas sensibilidades políticas. Hai causas en curso e sentencias de moi difícil comprensión para o común dos mortais.

Non pode ser que haxa decisións influídas polo autobús no que fixo a viaxe ata o seu posto, o titular da toga. Ben seguro que non han tardar unha lexión de expertos en saltarme á xugular pola ousadía de falar destas cuestións sendo un leguleio absoluto. Non pretendo máis que pendurar desta columna unha preocupación que é un clamor entre os que non pisamos habitualmente os xulgados. A proba é que España se sitúa no posto 58 do mundo no ranking de independencia xudicial, empatada con Botswana e por baixo de Tajikistán.

Non creo que estea de máis reflexionar sobre isto. A xustiza ademais de selo ten que parecelo, sen sombra de dúbida.

Te puede interesar