Opinión

Catalonia is not Spain

 

H

ai un par de semanas tiven ocasión de xirar visita á miña terra natal, a indómita Catalunya. Era unha viaxe que anhelaba desde hai anos pero que, por unhas razóns ou outras, tardei 27 marzos en acometer. Non vou enredar co caderno de bitácora das vivencias persoais pero si expoñer o que percibín respecto do “tema catalán” alí, no quilómetro 0.

Quedoume moi claro o que xa tiña claro. O conflito xurde como consecuencia dos intereses máis electorais que políticos das formacións gobernantes en Madrid e Barcelona. O malo é que se lles foi das mans.

O mesmo día da miña chegada fun cear cun grupo de amigos. Non sabía moi ben como enfocar  o asunto pero non fixo falla. Xa me inquiriron eles pola percepción que había no resto de España ao respecto.

Varios deles confesaron ter un escaso interese pola causa independentista ata que os seus portos se encheron de soldados camuflados como debuxos animados ou viron a cidadáns berrando “a por ellos oé”. Todos eles teñen como prioridade, como case todo o mundo, vivir en paz.  E aínda que non o tiñan pensado, saíron da casa o 1 de outubro para votar cando as imaxes que chegaban das súas rúas, eran dunha choiva de paus na que semellaba reprenderse a un grupo de terroristas perigosos. Só era xente armada con papeletas. Se son legais ou non, xa é outro debate, pero que a resposta foi desproporcionada é algo que, para min, non admite dúbida.

Ao día seguinte cadroume de ver o partido Rusia-España do Mundial nun centro comercial de Barcelona que antes era a praza de touros. Curiosa metamorfose. Páreceme xenial que desaparezan as touradas pero a evolución cara a un espazo enfocado ao consumismo máis desaforado é unha metáfora moi suxerente dos tempos polos que deambulamos.

O caso é que, durante o encontro, a maioría dos presentes animaban á selección española, incluso con camisolas vermellas. Non vin a ninguén que se molestara por iso. Aplaudiron o gol de España, sufriron coa tanda de penaltis e ficaron frustrados pola eliminación. Non vin eu moito antiespañolismo.

Lembrei, neste contexto, partidos do Barça de hai xa 25 anos, onde nas bancadas lucían faixas co lema “Catalonia is not Spain”.

De sempre houbo un certo grao de independentismo por alí. Por que medrou exponencialmente nestes últimos anos?

Visto e escoitado o sentir de familiares e amigos con percepcións e inclinacións políticas moi diferentes entre si, reafírmome no que pensaba.

A actitude  de confrontamento buscado dos dous gobernos levou a esta situación de polarización da opinión píblica.

CIU precisaba que non se falase de crise e recortes polo que desviar a atención cara á bandeira permitiu, a un partido queimado pola corrupción, manterse no poder.

O PP aproveitou esta situación para crear un inimigo imaxinario e reforzar a súa hispanidade. Mentres a xente defende con orgullo a súa patria non pensa noutras menudencias.

Así, ambas estratexias derivaron nunha imparable maquinaria de fabricación de nacionalistas independentistas patriotas cataláns, por un lado e de nacionalistas patriotas españois, polo outro. Quen da máis?

Te puede interesar