Opinión

Con fachas y a lo loco

Desculpen os cinéfilos o atrevemento de perverter o título da xenial película de Billy Wilder. Moi divertida, por certo. Curiosamente, polo menos para min, o que vou contar semella máis tirado dun filme de terror deses cheos de sangue e vísceras. Deses con señores que chegan do pasado para matar a paz e a convivencia desde dentro dos nosos propios pesadelos.

E é que, dun tempo a esta parte, a meirande parte do mundo decidiu entregarse cunha furibunda e desenfreada paixón a un tormentoso romance con políticos que habitan comodamente pola parte da extrema dereita. Son algo así como un grupo de matóns de barrio que parecen competir por ver quen acada a afirmación máis grotesca e estrafalaria. Sobre todo insultando a rivais políticos ou menosprezando a colectivos que consideran diferentes ou inferiores. Vomitan en serie mensaxes cargadas de odio en discursos que lembran demasiado a outros xa escoitados. Por exemplo a aquel home do bigotiño rídiculo. Non, Aznar, non. O outro. O meu tocaio.

É triste pero o populismo segue facendo furor na sociedade cando está sometida ás estreiteces dunha crise económica. Non hai nada coma que che digan o que queres oír, aínda que non sexa certo. Así, o diabólico círculo de intereses continúa xirando sobre si mesmo. Os avarentos poderes que provocan as crises coa súa ilimitada codicia, válense das súas consecuencias para colocar no poder a tipos como Trump ou Bolsonaro. Deste xeito, a roda segue dando voltas. E eles facturando.

E polo que parece, a cousa vai a peor. Coma unha epidemia.

En Francia, a saga Le Pen consegue manter o seu chiringuito ateigado de odio. En Alemaña, onde algo xa debían saber da cuestión, os ultradereitistas nostálxicos das SS, acadan o apoio do 13 % da poboación.

En Italia, un país tan acostumado a emigrar coma a nosa terra, Salvini chegou ao poder envolto na bandeira das consignas filonazis contra todo o que chegara de fóra. Ata o punto de estar disposto a deixar morrer a seres humanos no medio do mar.
No Brasil, un racista, misóxino e homófobo, orgulloso de selo, como Bolsonaro vén de ser escollido presidente. Ao escoitar frases como “o problema da ditadura foi torturar e non matar”, a garota de Ipanema debería saír correndo pero o que fixo foi votarlle. Inaudito pero certo.

En España, a película podería titularse “Faesmino e Casado”, onde o flamante presidente popular está decidido a subirse a ese tren na compaña do seu cicerone. Esta vez si, falo de Aznar. A carreira desbocada apoiase en declaracións rimbombantes e absurdas do tipo: “Sen o PP, España non sería o que foi nestes derradeiros cinco séculos”, “o aborto non é un dereito” ou chamando golpista ao presidente do Goberno no mesmo Congreso. Semella disposto a un combate a cara de can con Vox coma se nese córner do espectro político estiveran a maioría dos votos. Quero pensar que non.

Á fin, son monstruos que se alimentan do descontento. Montados na credibilidade da posverdade e xogando coas emocións dunha sociedade desencantada. De momento, fano dentro das canles da democracia pero, coidado! Como se fagan fortes...

Te puede interesar