Opinión

Don Villarejo portapartes

Cando un pensa en intrigas e espías, indefectiblemente, tendemos a traer ao maxín imaxes de fornidos bonds ou voluptuosas mataharis. Grandes e luxosos coches, arrobas de glamour ou o último en tecnoloxía son sinais de identidade  das historias que nos chegan a través da gran pantalla ou dos incontables best-sellers sobre a materia . 

Como non podía ser menos, por estas latitudes hispanas, temos a nosa propia versión cañí. Un chisco menos sofisticada. Máis de magnetófono, bocadillo de luras en vez de caviar e caña de cervexa no canto de Martini axitado  e non revolto. 

José Manuel Villarejo, quen xa nin polo nome encaixa ao servizo secreto da súa maxestade británica, ten a tódolos estamentos do país coa mosca detrás do apéndice auditivo.  Atesoura, segundo parece, millóns de horas de gravacións comprometedoras obtidas en situacións cotiás coma ceas ou charlas de café e aproveitándose da confianza, candidez ou estupidez dos seus interlocutores. 

O primeiro que penso ao falar disto é que que se se gravaran e difundiran todas as conversas que mantemos a diario neses contextos, xa habería anos que ninguén se falaría con ninguén. Poñer a feder ao ausente é un deporte nacional con máis adeptos ca o mesmísimo fútbol. 

O caso é que o ínclito comisario da Policía Nacional valeuse da súa influencia e absoluta falla de nada que lembre aos escrúpulos, para tentar amedrentar mediante a chantaxe a xente moi poderosa. O obxectivo durante anos foi lucrarse e crear un imperio nas cloacas nas que habita tan comodamente. A actual meta das súas accións é tentar acurtar todo o posible a máis que merecida estancia actual que desfruta no “caldeiro”.

Así, disque ten moito material sensible que podería rematar coa carreira de representantes do poder político e algúns altos xerifaltes do poder xudicial. Tal vez, os pardillos retratados, merezan deixar os seus postos só polo feito de sentarse cun individuo desta calaña nunha mesa. Xa hai moitos anos que as súas actividades son  de sobra coñecidas e comentadas pero sempre hai quen se cre máis listo que os demais. Seguramente pensaron que recorrer a un delincuente para acadar o que fora, era a mellor idea que tiveron ese día.  

É unha pena que un axente da policía capaz de espir así as vergoñas dalgúns non empregara este talento para facer o seu traballo. Deter aos corruptos e facer xustiza. Podería ter sido un heroe pero eses comportamentos  só deben existir na ficción.  Villarejo optou, movido pola súa ambición, por ter un perfil máis semellante a “Doña Lío Portapartes (señora con malas artes)”, a personaxe de tebeo creada polo mítico debuxante da Editorial Brugera, Raf. A muller en cuestión dedicaba o seu tempo a chismorrear sobre a vida de tódolos veciños e destripalas despois en compañía da porteira do seu edificio. Probablemente estea aí tamén o xermolo de “Sálvame” e similares. Non me sorprendería que o tipo tarde máis ben pouco ao saír do cárcere en pasar por eses platós cheos de caspa. Marca España.

Te puede interesar