Opinión

El é un can e ti es un porco

Desoladoras. Non son quen de atopar outro cualificativo para as imaxes aparecidas nos medios de comunicación de moitas praias despois do que case se podería denominar, atendendo ao macabro espectáculo, a Apocalipse de San Xoán.

Para que non as vira, baste con dicir que había alí moito máis lixo que nun deses programas da televisión onde os parasitos do papel couché se fumigan uns a outros. Non é difícil facer unha análise exhaustiva. O visto di moi pouco, e ese pouco todo ruín, dos milleiros de persoas que festexaron esa noite solsticial nos nosos areais. Cando eu era neno, dicíase “que planeta lles imos a deixar?”. Parece que nós, optamos directamente por deixar aos que veñan detrás un inmenso vertedoiro. 

Non son amigo de xeneralizar, seguro que houbo quen recolleu os seus residuos pero a teor do visto, foron os menos. 

Envases de comida, de bebida, bolsas de plástico, papeis. Un mar de merda na beiramar deses océanos dos que emerxeu a vida e dos que dependemos para seguir existindo. Se algún día desaparece a especie humana e algunha outra chegara a ter posibilidade de estudar as causas, logo acadarían unha conclusión. Tratábase dunha civilización incivilizada, soberbia e incapaz de entender que sen o seu hábitat non podería subsistir. O encabezamento deste artigo é o nome que lle demos a unha campaña lanzada pola Área de Medio Ambiente do Concello do Carballiño. O seu obxectivo, concienciar da necesidade de que cada individuo respecte o espazo dos demais, neste caso no que atinxe aos excrementos das mascotas. A priori, debera ser innecesario pero, desgraciadamente, non o é. 

A idea xurdiu cando, recen chegados ás responsabilidades de goberno, fomos conscientes de que esta problemática na vía pública era case unha cuestión de estado. Xa sei que non é moi correcto mencionar os detritos nunha columna do xornal pero é o que hai. A vida está chea deles e por non falalos non van desaparecer. 

Hai unha cousa que sei seguro, a meirande parte de propietarios de animais son responsables, coidadosos e respectuosos co entorno. Pero hai unha pequena porcentaxe de porcos. Sinto se alguén se ofende por este costume meu de chamarlle ás cousas polo seu nome pero máis me ofende a min ter que ir facendo slálom pola rúa para esquivar os agasallos que deixan estes merecentes de corte. E non falo dos cans. A miña primeira proposta era identificalos e levarlles a todos os cans do pobo a desafogar ás súas casas, na alfombra do salón a poder ser. Ante as dificultades obvias para levar adiante esta idea, optamos por unha campaña de concienciación. Encántame ese termo. “En Suíza está todo limpísimo” afirmaba unha muller mentres degustaba unha bolsa de pipas Facundo e decoraba o chan da Alameda coas cascas. “Eu non reciclo porque despois xuntan todo”, exclamaba un paisano que non distingue as cores dos contedores sen ser daltónico. 

Se alguén pensa que o que esbardallo non ten importancia, que se informe sobre a illa de plástico que medra no océano. Medra máis rápido que as nosas economías pero máis lenta ca dos que se aproveitan do consumismo irracional e insostible no que vivimos. 

Concienciar está ben pero habería que comezar por asumir que os cambios comezan por todos e cada un de nós, de xeito individual.

Te puede interesar