Opinión

Expediente X

Esta pode ser unha noite de insomnio calquera na cachola dun servidor de vostede. O arrincacebolas de Morfeo négase de novo a colaborar na miña intrépida misión de durmir placidamente. Teña vostede deuses para isto. 

O contarrevolucións das ondas cerebrais está desfasado. Bule ao mesmo ritmo que un concerto de AC/DC no que Angus Young patea co seu paso copiado de Chuck Berry cada tentativa de abrazar o anhelado estado onírico. 

Despois de dar máis voltas que Marco e Amedio na busca da esquiva nai do cativo, decido que erguerme a buscar distracción na caixa que atonta é a mellor das opcións. Baixo ao mínimo o volume para non turbar o sono do resto de moradores da casa. Comezo o exercizo ritual de activar o dedo pulgar. Canle a canle. O zapeo debería ser deporte olímpico. Seguro que España acapararía o medaleiro. 

Continúo o meu preguizoso paseo nocturno pola fauna de posibilidades das que “desfrutamos” na televisión do trasnoite. Hai un chisco de todo. Estrelas da música caídas nos xardíns da madrugada; avezados pitonisos prestos a adiviñar o futuro dos pardillos nas costuras dun calcetín e que non ven vir que vou cambiar de canle; hai tamén refritos, a teletenda onde sinto unhas irrefreables gañas de mercar unha tixola que cociña soa ou unha chea de reposicións. Aí segue Jessica Fletcher, no seu papel de parca metiche, espallando a morte alá por onde vai. Entre toda esa marabunta, atopo algo no que deter a miña difusa atención. 
Un rostro na pantalla faime retroceder, de súpeto, 25 anos atrás. Daquela, as siglas TDT aínda non adquiriran o noxento sentido que teñen hoxe. Apañábamonos ben con cinco canles e a neve do Plus. Xa era un luxazo cando viñamos de subsistir con canle e media. Certo é que xa comezábamos a intuir, sobre todo grazas a Telecinco, que a cantidade non implica, necesariamente, calidade. 

Aí están Fox Mulder e o seu sempiterno ceño fruncido, como desconfiando de todo. Seguro que xa detectou unha inquedante anomalía tras algún feito cotián. Aínda que no seu día respetaba a liturxia de estar sentado fronte á pantalla tódolos luns para ver a serie, quédome enganchado de novo a este capítulo. Dana Scully tenta aportar un punto de racionalidade ás excentricidades do atormentado axente do FBI apodado “o sinistro” pola súa especialización en asuntos conspiranoicos e misterios varios. 

Expediente X foi sen dúbida unha das mellores series dos anos 90 e semella claro que marcou a moita xente. A idea de Chris Carter non perdeu vixencia. Hai moitos que aspiran a ser coma aquel home que fumaba e semellaba ser, el só, un goberno na sombra do goberno na sombra.
 Vivimos tempos nos que un non sabe de quen fiarse. Xente que ve ovnis e vai correndo abrir expedientes tamén abonda máis do que poida parecer. E é que hai moito aspirante a Fox Mulder que non chega nin a Anacleto. 

Mentres semella que o maldito traidor do sono quere acomodarse agora que xa despunta o día, non podo evitar que o pensamento me traia ao recordo a frase emblemática da serie. Oes, e se é certo que a verdade está aí fóra?

Te puede interesar