Opinión

Franquistas invisibles

Parece que á fin chegou a hora de cicatrizar unha vella ferida pola que levaba tempo desangrándose, o fráxil equilibrio da nosa imberbe democracia.

En días pasados, o goberno aprobou o decreto que vai posibilitar a exhumación dos restos do pequeno ditador do Ferrol, outrora Caudillo de todas las Españas. Vaise desafiuzar, non sen horas, a Franco do seu chaleciño da serra despois de 40 anos sen pagar a hipoteca.

Curiosamente, unha vez difundida a nova, o día de autos comezou a asemellarse moito a un 23 de decembro. No día seguinte ao sorteo da lotería do Nadal, hai un mantra que se repite como arrastrado polo eco en cada recuncho, “o caso é ter saúde”. Soe pronunciarse así, entre dentes, e lembrándose á vez de tódolos familiares dos que saen por televisión descorchando champán.

Pois ben, algo similar aconteceu o día do decreto. Comezaron a repetirse afirmacións redundantes e sospeitosamente semellantes en canto á estrutura. Comezaban coa letanía “eu non son franquista pero…” para seguidamente adornalo con perlas como “ao generalísimo que o deixen tranquilo”, “eso non é urxente”, “eso non lle importa a ninguén” ou “é unha provocación”.

A ver. Contextualicemos. O señor en cuestión, exerceu durante catro eternas décadas como tirano a tempo completo. A este choio, accedeu pola forza das armas tras unha cruenta e incivilizada Guerra Civil. Tal vez e só tal vez, non debería ter dereito a un mausoleo construído polas vítimas e pagado e mantido con cartos de todos. Igual, e só igual, é un pouco incoherente e denigrante para os milleiros de familias que só poden imaxinar o que sería levarlle flores aos seus antergos. Non saben en que esquencida gabia os deixaron os secuaces do desafiuzado.

Estou, con toda esta historia, bastante confuso. Abraiame o gran número de nostálxicos, revisionistas e xusticeiros da memoria do Paco que campan por las Españas españolas. Non me preocupan os que acoden ao Val dos Caídos e amosan sen reparo o cheiro do seu desodorante (ou a súa ausencia). Tampouco me quitan o sono as pólas da árbore xenealóxica do da voz aflautada. É normal que defendan a quen lles deixou pagas todas as facturas de por vida  e, mesmo, alguna fruslería coma o Pazo de Meirás. De Meirás.

Os que me fan desconfíar son os que non figuran nos estudos sociolóxicos, nas sondaxes ou nos sucesivos procesos electorais. Onde están acubillados? É dicir, se hai tanto defensor do antiquísimo réxime, a quen lle votan? Onde se acolleron todos estes anos tantos como devecen pola memoria dos tempos grises.

Cecais a resposta estea na actitude de Rivera e Casado nesta cuestión concreta. Se as súas posturas son por causa dunha estratexia política, malo. Pero se o son por mor dunha convicción ideolóxica, aínda peor. Nin Fraga cruzou esa liña despois de 1975.

Se hai que discutir sobre a conveniencia de retirarlle honras ao ditador,  ou chegamos corenta anos tarde ou a democracia chegounos corenta anos antes de estarmos preparados para ela.

Como deixou dito Albert Camus, “a tiranía totalitaria non se edifica sobre as virtudes dos totalitarios senon sobre as fallas dos demócratas”.

Te puede interesar