Opinión

Fútbol, nenos e sentidiño

Esta pasada fin de semana tocoume exercer unha das miñas encomendas favoritas e para as que non sempre teño o tempo que desexaría. Actuei de seareiro entregado ás cores da camisola do equipo do meu fillo maior. Era un partido que os cativos agardaban con tremenda ilusión. En xogo, o pase á seguinte fase da competición na que participan. Para eles, toda unha final sen nada que envexar ao Boca-River de marras. Ao longo dos anos teño presenciado incontables partidos de fútbol. De primeira, de segunda, de veteranos, de base

En calquera encontro que se prece, están presentes os seareiros. Neste caso, representados por nais e pais prestos á defensa instintiva das nosas crías. A maioría non é que sexamos coma os Barras Bravas arxentinos pero hai momentos nos que esta presencia tende a ser un factor máis ben nocivo para o desfrute deportivo dos nenos. Todos vemos moi claro que temos na casa un Lionel Ronaldo e os rapaces o que desexan é divertirse, que é o que lles toca, por outra parte.  A maioría de proxenitores limitámonos a aplaudir, animar e capear o frío como podemos pero hai un número reducido de energúmenos que semellan recen saídos das cavernas. Sempre prestos a calquera confrontación. Dálles igual que sexa co arbitro, coa afección rival ou coa propia.  A sensación que da ao toparse cun destes elementos é de que as frustracións e os complexos emerxen coma un tsunami á beira dun terreo de xogo.

 No partido deste sábado pasado, tódolos presentes rematamos enfadados co trencilla, cuxa pericia, ao igual que a talla da súa camisola pecaban, ben ás claras, de enxoitas. Pero á fin e sendo racionais falamos dunha liga provincial de cadetes, non podemos ter o nivel de esixencia dos da gomina e o VAR. Porén, o tema dos pais e o fútbol está moi manido e, as máis das veces, concordo con amigos adestradores que propoñen gaiolas insonorizadas para os espectadores que se aceleren de máis. O caso é que no partido desta semana houbo outra cousa que me deixou máis preocupado e que me induciu a iniciar esta reflexión. Tiven toda a sensación de que certos comportamentos tirando a execrables executados por nenos de 14 e 15 anos eran promovidos e alentados polos adultos responsables da súa educación deportiva. Neste caso trátase dun club de referencia no fútbol ourensán, cunha moi ampla canteira. Comprobei, non sen certa sorpresa, que mocáns aos que aínda lle fallan anos para poder conducir, espoleados e adestrados para elo, poñían en práctica todo tipo de artimañas raiando ambas beiras do regulamento. De forma premeditada, as patadiñas, os agarróns e as perdas de tempo fixéronse a tónica constante. Para confirmar as sospeitas, o adestrador dedicou gran parte do seu esforzo educativo a desgañitarse berrando para informarnos a tódolos presentes, con detalle, das súas necesidades fisiolóxicas e a súa próxima relación con deus. Todo un poeta.

Igual é un dos factores polos que non saen demasiados futbolistas de elite da nosa provincia. Inculcamos antes a trampa que o propio deporte en si. Moi poucos deses nenos van ser profesionais no futuro pero todos eles van ser adultos. O que lles ensinemos agora vai forxar a súa personalidade. A educación deportiva, emocional, cultural ou social que lles proporcionemos, van ser as liñas mestras polas que transcorra o futuro da nosa sociedade. 

Unha boa lección de vida sería que non todo vale para gañar.

Te puede interesar