Opinión

Lapos e mocos

Xa, xa sei que o título deste artigo pode soar algo escatolóxico e ser, incluso, incómodo para os que están a lelo saboreando un bo almorzo. Que lle queren? A min gustaríame titulalo “Acordos e consenso” pero a actualidade socio-política deste país vense parecendo, cada vez máis, ao patio do colexio da Uceira nos anos 80. Cando eu cursaba aquela cousa plistocénica chamada EXB, os maiores resolvían moitas discusións a lapos e os pequenos andaban sempre cos mocos por bandeira. Benvidos ao recreo.

Parece incrible pero máis de trinta anos despois aquelas secrecións que cría eran parte do pasado, volven ser o eixe da actualidade.

Levamos uns cantos días nos que as novas veñen a parecerse bastante á moviola pos-patio cando repasábamos as trasnadas de cada un. 

Por unha banda a asoada de Dani Mateo, humorista que acordou tentar bromear empregando a bandeira de España como kleenex. Máis alá de que se poida avaliar a gracia do sketch ou mesmo o seu bo gusto, paréceme desproporcionado absolutamente que un  tribunal o impute por aldraxe aos símbolos patrios. Á señora cega do balancín hai tempo que se lle vai a cachola.Imos ver. Creo que os ofendidos deberían pensar que vivimos nun país no que un

grupo de delincuentes con garabata leva anos roubando e manipulando envoltos nesa mesma bandeira como parapeto para as súas falcatruadas. Deberían pensar tamén que vivimos no lugar no que Arévalo leva corenta anos de “carreira” contando basicamente chistes de mariquitas e gangosos. Igual é que a tea tinguida ten máis sentimentos que os membros dos colectivos vexados permanentemente polo novo adalid de Vox.

Tal vez, Dani Mateo iría ben cun tirón de orellas como penitencia por, sendo un tipo intelixente, rebaixar o humor ao pueril “cacaculopedopis” coa súa mocada. O resto é desproporcionado. Se imos matar o humor a paus, xa non sei que nos vai quedar.

A outra polémica de gran calado da semana pivotou en torno a un señor ata agora descoñecido para a maioría que desfrutou dos seus quince minutos de gloria relativa por, supostamente, cuspir a todo un ministro Borrell no mesmísimo Congreso dos Deputados. 

Digo supostamente porque por máis que mirei e remirei, VAR incluído, non fun quen de ver o cuspe. Certo é que fai o xesto ou amago, o cal xa é suficiente para que o interfecto pasara a tarde castigado de cara á parede do hemiciclo cos brazos en cruz.

O ministro pecou tamén un pouco de piscineiro e, facendo un Neymar en toda regra, esaxerou a agresión. Foi como ver ao repipi da clase sinalando ao malote “Profe, profe. Mire lo que me ha hecho Salvador”. O cocho que razoa a lapos e o chivatillo. Todo un clásico das escolas.

Todo bastante lamentable e, sobre todo, incidindo aínda máis na polarización da opinión pública, na creación artificial de dous bandos irreconciliables.
Eu, que non son ninguén para dar consellos, voume aventurar cun. Diríxome a algunhas das persoas que mandan nas altas instancias dos partidos, da xustiza e incluso da prensa. Por favor, maduren, sexan serios e responsables ou váianse a repetir cuarto de EXB.

Te puede interesar