Opinión

Legalizar as ideas

Pois seica si. Disque agora todo o mundo vía vir o auxe da extrema dereita en España. É moi curioso pois a noite antes das eleccións andaluzas, apenas se escoitaban voces que foran quen de anticipar o envelenado agasallo que as urnas de Despeñaperros cara abaixo ían traer consigo.

É altamente recomendable para saber o que está acontecendo na sociedade, formar parte dela. Así, os que calzan tódolos días zapatos só deseñados para pisar moqueta, están moi lonxe de ter os datos necesarios para unha boa diagnose. Están tan afastados do pobo que lles resulta imposible saber de xeito certo cara a onde flúen os pensamentos deses entes afastados aos que se supón que representan, dirixen ou informan. Así saen despois as enquisas.
Entre tanto, nesa maraña de cabreos que están a inundar cada recuncho deste país, emerxeu, como era de agardar, o rancio Vox. Digo que era previsible tendo en conta que Trump goberna en Estados Unidos, Bolsonaro en Brasil e a evolución (ou involución) do voto por Europa adiante xa indicaban a tendencia. Lo facha está de moda. 

A pregunta é, por que hai tanta xente por aquí que deu o seu apoio a este partido? Niso é no que tiña que estar matinando a esquerda e, mesmo, todos eses que habitan en partidos do medio cara á dereita pero gábanse de ser de centro. Somos moitos os que aborrecemos os proxectos desta nova ultradereita branquexada con Ariel, tal coma as nádegas do seu idolatrado ditador naquela canción infantil tan exitosa.
Sen embargo, do que estou completamente seguro, é de que o camiño non pasa por manifestarse ante as súas sedes ou clamar pola súa ilegalización. A día de hoxe, é un partido que participa da democracia dentro das canles establecidos. E nesas mesmas canles é onde hai que combatelos.

Hai que gañarlles a partida educando, informando e concienciando. Hai que gañarlles nas urnas pois ese é o taboleiro onde movemos peza os demócratas. Non vale tentar escachalo cando a partida non vai como queremos. Non comparto moitísimos dos proxectos doutros partidos, ás veces, nin tan sequera do meu. Debo clamar pola súa ilegalización logo?

O prioritario é entender os porqués deste repentino apoio popular. No seu programa hai moitas ideas que, a priori e na teoría, encaixan como anel ao dedo no principal propósito vital da xente: vivir mellor. O malo é cando rascas un pouco e só sae demagoxia, caspa e nostalxia dun pasado onde a patria substituía calquera outra necesidade.

Botar do país a todos eses negros e mouros que nos quitan o traballo; suprimir o aborto e matrimonio igualitario; eliminar as autonomías e os seus “dialectos” coma este no que escribe un servidor de vostede; facer desaparecer a TVG e substituír o Luar por touradas... Non poden ser propostas tan difíciles de rebater e desartellar. Hai que lembrarlle á xente que un regreso a 1974 non pode ser tan bo. Por moito que agora haxa unha campaña para dulcificala, unha ditadura non pode ser o desexo de ninguén no seu san xuízo.

O que non podemos é caer nas súas contradicións nin levar ao lodo o debate político, aí gañan eles. Como dixo unha persoa sabia “Estou en desacordo co que dis pero defenderei ata a morte o teu dereito a dicilo. Por certo, díxoo unha muller. Desas que en 1974, neste mesmo país, tiñan que ter autorización do seu home para ter unha conta no banco. 

Te puede interesar