Opinión

A mala memoria histórica

Ultimamente, pásame a cotío como a Ismael Serrano. Ando algo perdido e as vellas pantasmas que xa cría superadas acoden ao presente para desacougarme. Nesta ocasión, a aparición fíxose real na caixa que aparva, tamén coñecida como televisión. Aparello arcaico ao que aínda lle dou algo de uso de cando en vez.

Foi o pasado sábado e por fortuna, era xa case media noite, é dicir, fora do horario infantil. Digo que por fortuna porque as imaxes que alí se podían ver ían moito máis alá do politicamente incorrecto. Eran, como mínimo, anti-naturais. Sigo sen entender que non recuperaran os dous rombos para avisar aos incautos coma min do pouco apropiado da emisión. Tería sido acaído.

Alí, de pé, na metade da pantalla, erguido, hierático, solemne, aparecía un home con aspecto de ser un daqueles grises que se alimentaban do tempo na imprescindible novela Momo de Michael Ende. Pero o que realmente facía a escea chocante era a tea con bandas de cor vermello, amarelo e vermello, cun gran paxaro negro no centro que o flanqueaba. Refreguei os ollos, incrédulo, e alí seguía. O pavillón dos 40 anos de escuridade con que Franco castigou a este país. Na televisión. No ano 2017.  

O meu primeiro pensamento foi que estaban emitindo un documental deses que recuperan imaxes do No-Do pero o tipo, que segundo o rótulo, era un tal Fernández de la Mora, víase coa nitidez do HD e a toda cor. Opción equivocada.

Seguín a buscar unha explicación lóxica para que aquel ave tivera escapado da gaiola na que, supostamente, quedou resgardada no ano 1975. Pensei na posibilidade de terme trabucado de canal. “Puxen o Canal Historia”. Díxenme a min mesmo. Pero alí estaba para facerme descartar esta posibilidade, Ana Pontón, a voceira do BNG que debatía sobre Meirás co estirado e orgulloso fascista. Ana debe de ser, ano arriba ou ano abaixo da miña quinta, e aínda que xa me vexo maior, penso que non tanto como para que os do meu tempo protagonicemos documentais de contido histórico. Outra opción desbotada.

A miña lóxica vulcaniana quedaba sen argumentos. Ou o tipo viaxou no tempo a bordo da Tardis do Doutor Who ou, a peor de tódalas alternativas, que este anacronismo con garabata estivera de verdade falando aí en directo, en tempo real. Resultou ser esta derradeira. Aínda que nunca fun moi seguidor dos documentais de animais, decidín quedarme a escoitar o que este home tivera que dicir.

Seica era o presidente da Fundación Francisco Franco, entidade dedicada a lembrar, louvar e enaltecer a figura do home responsable dun golpe de estado, tres anos de guerra civil, corenta de ditadura e milleiros de mortos.

A presenza da aguia negra na tea, fíxome pensar en tantas e tantas persoas que se viron durante catro décadas presas das súas garras de terror e falla de liberdade. En tantos como tiveron que sufrir a censura, ocultando os seus pensamentos para evitar verse atacados polo mortal pico da escura ave e tantos e tantas que tiveron que saír ás présas das súas propias vidas deixando atrás todo o que coñecían para non verse atrapados entre as mortais ás do paxaro que non toleraba ideas diferentes ás súas.

Se por si mesma, a bandeira non resultaba suficientemente ofensiva para as vítimas que dunha forma ou outra sufriron a represión do franquismo; o homiño decidiu falar e non defraudou as miñas expectativas. O número de sandeces por segundo foi abrumador.

Baste dicir que comezou a súa alocución, por chamarlle dalgún xeito, xustificando como algo absolutamente normal a toma do poder polas armas. Non é broma. Supoño que calquera poderá ver o vídeo en Internet.

Pero o tal De la Mora, lonxe de amilanarse decidiu, como non, que tiña que soltar algunha perla sobre Catalunya. Segundo o seu coherente e irrefutable criterio, os gobernantes cataláns están a saltarse as leis e faltar ao respecto á Constitución. Non estou de coña. Que si. Que si. Que dixo as dúas cousas seguidas. Sen ruborizarse. Sen pensalo dúas veces. Atreveríame a dicir que non o pensou nin unha tan sequera.

Supoño que se as hordas de Junqueras e Puigdemont tomaran as armas e provocaran unha guerra para acadar o seu obxectivo contarían co respecto e o respaldo deste gran home, a quen imaxino bailando sardanas para celebralo..

Cando hai unhas semanas escribín que esta traxicomedia aínda ía deixar escenas para o recordo, nunca pensei ata que punto de delirio podería chegar. Núñez Feijóo tirando de retranca para afirmar que non vai expropiar o Pazo de Meirás aos Franco para non empregar prácticas franquistas. A súa Xunta de Galicia, impondo multas de 4.500 € á Fundación por non respectar as decisións xudiciais. Eso sí, o ínclito presidente da Fundación víase pouco afectado polo agarimoso sopapo.

E mentres os nostálxicos e os seus herdeiros seguen empeñados en desembazar a nebulosa e triste lembranza do pasado; a ONU advirte ao goberno español de que será sancionado se non toma medidas para reparar a memoria das vítimas da ditadura.

Cantaba La Mandrágora con Sabina entre os seus compoñentes aquilo de “Mil años tardó en morirse…” e agora, así como por casualidade, algúns parecen decididos a que Franco sexa o novo Elvis. Seguen a velo por todas partes. O certo é que hai demasiada xente que ten ou quere ter moi mala memoria histórica.

Te puede interesar