Opinión

Moción de fartura

Unha das tarefas máis arduas do día a día dun político é, ou debera ser, non perder a perspectiva do que pensa a xente na rúa. Resulta certamente difícil non deixarse arrastrar polo vento mareiro do apoltronamento que nos vai afastando das percepcións e das cavilacións daqueles aos que, na teoría, representamos. Non hai nada peor que elevarse na soberbia e perder de vista o que senten sobre o escenario político actual os que periodicamente son reclamados, para algúns coma un mal necesario, para votaren e que, co seu voto, muden as cousas, case sempre coa consecuencia de que todo continúe igual.

Estes días, anda unha parte do país convulsa por mor da moción de censura presentada polo PSOE coa intención, máis que xustificada, de derrocar a un Mariano Rajoy esmagado pola insoportable e fedorenta lousa da corrupción. Digo unha parte do país e refírome a, máis ben, unha parte pequena porque máis alá dos medios de comunicación e duns poucos perseverantes, esta cuestión ao cidadán, preocúpalle o xustiño.

Non se escoitan nos bares e nos supermercados “sesudas” discusións sobre a moción que menos emociona, debe ser polo reiterativo da cuestión. Non se len nas redes demasiados comentarios ao respecto. Non se elaboran teorías sobre o desenlace nas perruquerías nin nas prazas de abastos. A xente está máis ben farta. Aburrida.

É ben certo que a Pedro Sánchez non lle quedaban moitas máis saídas que dar este arriscado paso co escaso parapeto que supoñen 85 deputados. Non é menos certo que a bonanza demoscópica impulsa a Ciudadanos a xogar coas posibilidades coma un trileiro faría cos vasiños, coa pedra e coa boa vontade do pardillo de turno. Parece tamén dunha certeza case absoluta que o PNV ten que buscar un equilibrio digno de Pinito del Oro entre as súas reivindicacións nacionalistas, as súas críticas contra a corrupción e manter os seus recentes e lucrativos acordos para Euskadi no apoio aos orzamentos de Rajoy. Certo é que os nacionalistas cataláns teñen un papel fundamental para decidir o futuro dun país que no que non queren estar e que, paradoxos da vida, van recibir propostas de confraternización de xente que leva tempo cuspindo bile cara eles.

Caso aparte son aqueles que xurdiron da Alianza Rebelde da Guerra das Galaxias para rexenerar a clase política e remataron engulidos no luxo dun chalé prohibitivo para os que din representar e silenciados por berros de “usted no sabe quien soy yo” cando se atopan coa policía.

O exceso de tacticismo, os bandazos ideolóxicos, os discursos reversibles, todo elo fai que a cidadanía caia niso que chaman “desafección”, ou sexa que lle súa un pé o que aconteza. Están fartos. E iso é o realmente perigoso. Compre analizar a situación con certa atención e veremos cara a onde nos leva este carreiro, posto que a historia é teimuda e tende a repetirse coma o chourizo de cebola, demostra ben ás claras que o final do percorrido non é nada gratificante.

Semella que todo isto sería máis doado se no idioma español non fose tan difícil pronunciar a verba “dimisión”. O lóxico parecería que o presidente de tinturas numantinas e estática figura se propuxera el mesmo marchar e deixar paso a alguén do seu partido inmaculado nos asuntos da corrupción. Ou tal vez é que non o hai?

Te puede interesar