Opinión

Non voltemos ás cruzadas

Ningúen nace odiando a outra persoa pola súa cor de pel, pasado ou relixión (…)”

Deste xeito comeza o tweet con máis “me gusta” da historia da rede social do páxaro azul. O seu autor, Barack Obama, quen o tomou das memorias de Nelson Mandela. O motivo, os disturbios raciais de Charlottesville, enfrontamentos por causas que aínda que parecen superadas no autoproclamado país das liberdades, reaparecen periodicamente para lembrarnos que aínda non estamos o suficientemente lonxe dos nosos antergos das cavernas. Supoño que ter un presidente que se peina e pensa como unha cenoura e que fai parecer aos membros do Ku Kux Klan un grupo de progresistas de mente aberta, explica moitas cousas.

A casualidade quixo que o tweet do home de Michelle, como lle chama unha amiga miña, fose publicado tan só uns días antes dos atroces atentados de Barcelona.

A barbarie vivida nesas terribles horas en Catalunya fixo que as redes sociais se encheran de todo tipo de reaccións. A min, persoalmente, pareceume preocupante ver canta xente reaccionou propoñendo, sen sabelo, retomar o espirito de don Pelayo ou

recuperar as cruzadas. Así, sen darse importancia, voltar 800 anos atrás no tempo para axustizar a tódolos mouros asasinos ou, como mínimo, expulsalos a todos do país.

É evidente que son reaccións provocadas pola lóxica da ira e polo terror producido polas dantescas imaxes que, dende as marabillosas Ramblas, nos chegaban a través desas ventás que son as innumerables pantallas coas que convivimos.

A lóxica do medo non é tal, son termos antagónicos e como ben dixo e reflectiu en gran parte da súa obra Goya, “o sono da razón produce monstruos”.

Deixarse levar polo pánico e o odio só leva a agravar a situación. É unha trampa, é o que desexan os tolos asesinos que non dubidan en matar inocentes en nome de deuses que, de existir, endexamáis consentirían semellante sandez.

Non se trata de caer na candidez bíblica e practicada por ninguén en ningún tempo de por a outra meixela, senon de aplicar, por exemplo, o sentido común de Mahatma Gandhi quen dixo que de practicar o ollo por ollo continuamente, o mundo acabaría

cego. Hai que castigar con dureza aos culpables, persoas con nomes e apelidos. Con rostros. Volcar sobre eles todo o peso da xustiza, pero non ten sentido algún demonizar a toda unha cultura, a toda unha relixión.

Pensar que os 1500 millóns de musulmáns que hai no mundo cometerían actos da vileza dos que estamos a falar é vivir de costas á realidade; cando o certo é que moitos deles sofren nas súas carnes, a diario, o mesmo estigma de violencia que demasiado a

miúdo está a salpicar a Europa.

Caer nesta xeralización é tan absurdo como admitir que todos os galegos contestamos sempre ás preguntas con outra ou nunca sabemos se subimos ou baixamos. Eu polo menos sempre sei chegar ao piso ao que vou. A maioría de xente que coñezo, tamén.

Non caíamos na trampa do odio. Non merquemos ese tentador billete para unha viaxe no tempo que nos leva de nova á época de Saladino e os templarios.

Te puede interesar