Opinión

O Astroturfing

O outro día, vendo un moi recomendable programa de humor da HBO, descubrín un neoloxismo apaixonante. O show é o “Last week tonight” de John Oliver. Un pouco de irreverente humor inglés, directamente nos fociños do auto-compracente “american way of life”.

O termo de marras, astroturfing, a pesares de ser de novo cuño, vén a definir un concepto que é máis vello que queixarse dos riles a véspera de ir apañar as mariñas. Consiste en que os grandes conglomerados empresariais, buscan novos xeitos de enganar aos miñaxoias de sempre. Ou sexa, todo o mundo. Ata aquí, nada novo baixo o sol.

A particularidade, neste caso, pasa porque artellan as súas repulsivas artimañas manipuladoras de forma máis subrepticia se cabe.

Empregan para iso supostas asociacións sen ánimo de lucro nin interese crematístico algún. Fan pasar a súa mensaxe publicitaria, slogan ou contra-campaña que lles interese nese momento introducir no inxenuo maxín colectivo por unha idea xurdida das rúas de forma espontánea.

Se isto non é rizar o rizo, que veña David Bisbal e que o vexa.

O populismo, sempre tan efectivo, tamén ten o seu oquiño no escuro e xélido corazón do abxecto capitalismo.

Sen embargo, esta tradición de aparvamento masivo da sociedade en xeral ante mensaxes artificiais e interesados, vense repetindo ao longo da historia. Nos máis dos casos o inefable xuíz do tempo foi quen de conseguir desenmascaralos.

Seguramente, un dos máis significativos foi o que se deu, como non, nos Estados Unidos na década dos 60 do século pasado.

Un reputado e respectado científico de nome Clair Cameron Patterson pelexou durante anos de xeito denodado contra muíños de interese. Entre as súas descubertas, ser o primeiro en datar cientificamente a idade da Terra. Ou sexa, que non falamos dun chaíñas calquera.

Pois ben, só o seu empeño e conciencia permitiu demostrar os innumerables prexuízos que a presenza do chumbo nos combustibles estaba a ocasionar no noso ecosistema. 

40 anos de gasolina con chumbo, provocaron que a atmosfera, o mar, a terra e, por conseguinte, os alimentos, todo estaba gravemente contaminado ata niveis case mortais.

Patterson aportou infinidade de probas e datos que non deixaban lugar a dúbidas. De seguir así, a situación axiña sería irreversible. Sen embargo, tódalas evidencias empíricas aportadas toparon coa resistencia frontal do potencial económico das compañías petrolíferas.

Estas, cargadas de conciencia, non dubidaron en subvencionar a varios expertos coa dignidade de saldo para rebater cada unha das conclusións de Patterson. Incluso mentindo nunha comisión de investigación no mesmísimo Congreso.

Evidentemente, a saúde da cidadanía non se contaba entre as cen primeiras prioridades das anxelicais empresas. Onde haxa unha boa conta de resultados...

Menos mal que estas cousas acontecían hai xa arredor de cincuenta anos. Por sorte, as multinacionais de hoxe non se comportan deste xeito tan abominable. Aquí deberían aparecer uns emoticonos deses amarelos que rinchan os dentes pero dinme do xornal que iso aínda non se pode facer. Bótelle vostede imaxinación.

Te puede interesar