Opinión

O caldo primixenio

A democracia española e máis un servidor somos da mesma quinta. Ambos acordamos nacer nese 1975 no que o pequeno do Ferrol pasou a mellor vida e, con elo, agasallounos cunha vida mellor a todos. Sen embargo e a pesares de ter ámbolos dous a mesma idade, ela dase máis a nova e eu envellezo por segundos. En fin...

O caso é que a democracia segue experimentando infinidade de excitantes primeiras veces. Só por poñer uns exemplos recentes, a triste normalización da corrupción en moitas das súas institucións ou o feito de que prosperara unha moción de censura por primeira vez en 43 anos.

Así, a esta cuarentona adolescente preséntaselle un exáme de madurez de vital importancia para o seu futuro. Os responsables do éxito ou fracaso son, por suposto, todos os que apoiaron a moción de censura. Teñen moitas obrigas pero a principal é negar calquer sombra de razón aos agoreiros que ven nos seus interesados vaticinios apuñalamentos entre uns e outros e ansían a chegada de tempos pouco menos que apocalípticos. “Dejad que caiga España que...”

Poñanse como se poñan non cabe dúbida algunha de que desaloxar ao PP e a Mariano Rajoy da Moncloa era indispensable e obrigado pola saúde da miña coetánea. O goberno xurdido é completamente lexítimo e SI foi escollido polos cidadáns nas urnas. Outra cousa é que os acordos que ao principio da lexislatura non foron posibles se viran agora impulsados pola sentencia devastadora da Gürtel.

É obvio que chegamos a un escenario absolutamente novidoso, unha dimensión descoñecida e, quen máis quen menos, estamos expectantes polo devir do goberno comandado por un Pedro Sánchez obrigado a negociar a varias bandas para a toma de decisións de calado. Nesa habilidade de Sánchez para acadar entendementos cos compañeiros de viaxe vai a estar gran parte do éxito do seu executivo así como a súa perdurabilidade. Pero non é só súa a responsabilidade.

Se nacionalistas de dereitas ou de esquerdas, Podemos, partidos satélites e demáis tensan a corda excesivamente poden rompela e abocarnos ao que presaxiaban as enquisas a. de P. (antes de Pedro), un goberno de tons laranxas azulados. Esto provocaría que as tan necesarias políticas de esquerdas e mesmo as moitas reivindicacións pendentes de cataláns e vascos remataran pechadas baixo sete chaves no soto do tétrico lugar onde se reunen os señores de negro do Ibex 35. Eles seguirán acumulando riqueza a través de privatizacións e demáis e os obreiros mendigaremos dereitos que fai pouco eran nosos a todos os efectos, sanidade, educación, pensións dignas, traballo...

Hai unha teoría sobre a orixe da vida no noso planeta que afirma que millóns de anos atrás, nadaban nun líquido viscoso, carbono, nitróxeno e hidróxeno coa compañía de raios ultravioleta e enerxía eléctrica e de esa mezcolanza xurdiron as primeiras estruturas de ARN. Esa piscina chea do chamado caldo primixenio atopou a forma de organizarse e coa proporción adecuada de cada elemento, bueno, aquí estamos. Agardemos que no caldo do novo goberno tamén sexan quen de facelo e xurda para todos unha vida mellor. De non facelo o que virá será unha vida extra para a sempre axexante dereita.

Te puede interesar