Opinión

O Tupino

Hai xa unhas cantas semanas que marchou o gran Alfonso. Quixen agardar un tempo prudencial para escribir sobre el sen caer no oportunismo nin no sentimentalismo facilón. Sen embargo, coa perspectiva do tempo, aínda teño máis claro que tiña que dedicarlle un destes modestos recunchiños que semanalmente me brinda La Región para dicir o que penso. E o que penso, neste caso, é que esa viaxe que emprendeu o Tupino e que todos faremos antes ou despois, só fixo que o lembremos aínda con máis agarimo e que por aquí se reafirme unanimemente que xa é, por dereito propio, unha desas figuras das que se falará por moitos anos neste pobo.

Ben seguro que os de alén das marxes do río Arenteiro este artigo lles dirá máis ben pouco. Creanme que sinto que non tiveran a sorte de coñecelo.
Alfonso González Valbuena, que así se chamaba segundo o DNI, non era un preclaro intelectual, nin falla que lle facía. Era unha desas persoas dotadas cunha intelixencia natural que lle rebordaba por tódolos costados. Entre as súas virtudes estaba que nunca houbera marxe para o aburrimento na súa compañía. Onde el estaba sempre había alegría, diversión e carros de bo rollo, de enerxía positiva ou como se lle queira chamar.
O Tupino era á vez un home sinxelo e, á vez, un tipo moi grande. Sempre disposto a axudar a todo o mundo, sempre presto a colaborar con calquera iniciativa que se desenvolvera no pobo. Por riba de todo, se era no singular e marabilloso barrio de Flores, onde viviu case toda a súa vida e do que era o alcalde oficioso.

Home polifacético onde os haxa. Podía ser o director que coa súa imaxinaria batuta e gañas de pasalo ben a raudais, rexira as badaladas das charangas nos días de festa. Podía ser o cura que daba a extrema unción á sardiña na derradeira data do Entroido ou voltar a vestir a sotana e agarrar a súa biblia no mes de setembro para oficiar a voda da Pepa Loba. Non había nunca dúbidas sobre quen ía ser o encargado da parrilla nos xantares populares. Xa fora o San Xoán de Flores ou o magosto socialista aos que non lembro que fallara un só ano. Era, por suposto, un dos máis devotos seguidores do noso Club Deportivo Arenteiro. A súa voz era unha das máis recoñecibles na grada de Espiñedo e xa se bota de menos desde o primeiro día que faltou.
Na memoria do Carballiño queda aquel programa da TVG no que el e o seu veciño o Xirelo se botaron sen pensalo a unha piscina de plástico para ver cal dos dous “cazaba” máis troitas coas mans. E é que a pesca era outra das súas incontables paixóns.
Sempre de bo humor. Sempre cun conto ou unha anécdota preparada para animar o ambiente. E se había que cantar, pois tampouco había moito problema.
Bonhomía para dar e regalar. Non sei de ningunha ocasión na que fixera falla e el non estivera aí coa man tendida para axudar.
O mundo sería un lugar moito mellor se houbera moita xente coma o Tupi.

Miren se estou convencido disto que no vindeiro pleno vou solicitar que unha rúa do seu barrio pase a ter o seu nome. Merece iso e moito máis.

Unha grande aperta Alfonso, seguro que, onde te atopes, a alegría non vai faltar.

Te puede interesar