Opinión

Pero sigo siendo el rey

Afirmaba Mel Brooks que “é bo ser rei”. Facíao o actor-director caracterizado como monarca francés do século XVIII nun dos seus delirios en celuloide titulado “A tola historia do mundo”. A frase viña ao caso despois de atacar a unha cortesá coa lascivia propia de alguén cuxos apelidos se escriben con números romanos. Esta, por suposto, só podía sorrir e deixarse facer pola ansia carnal do tipo da perruca e o título herdado de xeración en xeración. 

O contexto temporal era o da Revolución Francesa e este, xunto con outros enfoques cómicos dos abusos da nobreza, contribúen na película a explicar porque os gabachos remataron a toda pastilla cos privilexiados e decidiron comprobar se, de verdade, o seu sangue era azul. En España imos 250 anos tarde e aínda gozamos do agasallo medieval dunha familia real. 

Non fai falla ser moi imaxinativo para mudar a cara de Brooks pola do noso rei emérito sen que a escena perda sentido. O seu rol de Casanova xeriátrico fai tremer pensando en que aínda estivera vixente o dereito de pernada. 

Juan Carlos sempre foi un tipo curioso. Ben visto internacionalmente e gozando da simpatía de case todos os españois. Eran de sobra coñecidas as súas esmorgas incluso fuxindo da súa escolta. É de supor que proceder dunha estirpe entronizada por Europa adiante desde 1272 ten que definir bastante o carácter. E máis se se procede en orixe da Casa Bourbon. De cor amarelento e en botella...

Pero en fin, iso non é un problema. Penso que á maioría de nós dannos igual os seus amoríos e festas. Incluso me resulta indiferente a superioridade xenética da súa familia e que os levou, a case todos, a ser deportistas olímpicos. Ata me parece innecesario que a xente se enfade porque no seu entorno haxa máis xente con problemas coa xustiza que no do Vaquilla.

 O que xa é máis dubidoso é o seu percorrido como suposto comisionista en negocietes cos seus colegas de túnica no Golfo Pérsico, un accidente xeográfico cun nome bastante descritivo. Esta xente que tan pronto pecha un contrato de millóns para construír un AVE como asina varias condenas de morte a súbditos que discrepan das súas decisións. Parece que o rei, por afinidade xeográfica supoño, facía o exipcio con moita arte por aquelas latitudes.  

Aproveitarse da condición de primeiro dos españois que lle proporcionou a Constitución, feita a medida para el, case como se fose o seu libro de familia, non sería en absoluto ético. Non o vou prexulgar ao igual que faría con calquera outro porque ese é para min o quid da cuestión. Ten que recibir o mesmo trato que calquera cidadán dos que se supón que é o number one. Non creo que haxa nin que debater se debe responder ou non no caso de ter delinquido.

Se é culpable, será un bo momento para revisar os pros e os contras da institución e do sistema.  Pero de ser o caso, o que non pode é entoar a todo pulmón a rancheira de José Alfredo Jiménez e, por riba, confundindo as vocais na estrofa que di “rodar y rodar”. Eu, desde logo, non me vexo facendo de mariachi.  A xustiza ten que ser igual para todos os cidadáns. Do primeiro ao derradeiro. Independentemente da tonalidade do seu sangue.

Te puede interesar