Opinión

Quen me ripou o mes de abril?

Un pobo indeterminado dunha provincia chamada daquela Ourense. O almanaque da Panadaría Manolo pendurado da afumada parede da cociña de Tarsicio marca en vermello un ano calquera dun tempo pretérito calquera.

Tarsi, como lle chaman os amigos e veciños cando está presente, ou Bacenillas, como se refiren a el na súa ausencia, é un home común de todo. É tan común que representa xusto iso que agora denominan “average-man”, ou sexa, un home que cumpre escrupulosamente coa media dos indicadores que se empregan por parte dos expertos para radiografar unha sociedade determinada nun intre puntual da historia.
Tarsi ten xusto a idade media que nese momento era, nesta provincia, moito máis baixa que a actual. Ten exactamente o número de fillos que teñen as familias de promedio, iso si, sen decimais. Por suposto, daquela este dato era máis elevado que agora.

Para non desmerecer esa condición, Tarsicio pertence a aquelo que se denominaba clase media. Os máis novos, se tal, buscade na Wikipedia o significado dese concepto.
Agora que xa coñecemos a este home, acheguémonos ao seu armario. Está ateigado de roupa debidamente ordenada e separada segundo o seu grosor. Como mandan os canons.

Nun estante, camisolas de Naranjito e bermudas rechamantes. Noutro, pantalóns de pana, xerseis de rombos e chaquetas coreanas.
Un mundo de diversidade téxtil que, atendendo a unha ancestral tradición, intercambiaba a súa posición dúas veces ao ano. O de arriba para abaixo e viceversa. Polo medio había un certo tempo de transición, tamén bastante predicible que permitía combinar cousas de ambos estantes. Era aquelo que os nosos antergos coñecían como entretempo.

Así é, aínda que hoxe pareza un conto de fadas, antes non todos os meses eran climaticamente agosto ou decembro. Había dúas estacións chamadas primavera e outono nas que o tempo ía modulándose pouco a pouco, eran coma unha agradable transición entre o frío polar e a canícula. Podo parecer esaxerado pero isto de pasar da estufa ao ventilador en dous días é algo “millenial” de todo. Antes non pasaba. Tarsicio tolearía subindo e baixando un día tras outro as prendas dos andeis.
Non vou ser eu quen elucubre aquí sobre a existencia ou non do cambio climático, para iso xa están os homes de ciencia e Donald Trump. Teño a teoría de que a súa alaranxada perruca pode detectar e medir as flutuacións térmicas cunha precisión tal que lle permite rebater a Al Gore sen despeitearse. Pero xa digo, é só unha teoría.

Agora que parece que Joaquín Sabina está a atravesar un mal momento, aproveito para reivindicar ademais do seu talento como letrista, as súas dotes proféticas. Anticipou a desaparición do entretempo na fantástica canción “¿Quién me ha robado el mes de abril?” do disco de 1988 “El hombre del traje gris”, que recomendo vivamente a todos aqueles que non coñeceron a existencia de catro estacións.

Non podo evitar preguntarme como se ía apañar Vivaldi nestes tempos para titular algunha das súas composicións. Supoño que serían verán, inverno, o outro verán e o outro inverno.
Vou rematando este artigo que non me da nin frío nin calor, cero graos.

Te puede interesar