Opinión

Ramiro Folla, aprendamos de él

 

Teño que comezar dicindo que non coñezo de nada ao protagonista da semana na nosa provincia. Que digo na provincia? En toda a Hispania. Non sei absolutamente ren das súas fazañas sobre as dúas rodas da súa moto e moito menos acerca da súa actividade sexual que disque foi o único positivo que aconteceu neses días. E a pesares de non ter oído falar del ata o momento en que a captura do titular do +Deporte de La Región comezou a circular polas redes, o tipo xa me cae ben. Mellor que ben. Un crack.

Tódolos domingos acabo dándolle varias voltas a estes castigados miolos para decidir sobre que tema escribir a miña chapa semanal para o xornal. Desta volta, a variedade de opcións era das máis amplas que lembro pois a actualidade estaba enfurecida e imparable. A sentencia que arrastrou o nome do Tribunal Súpremo e da xustiza polo detritus bancario; as eleccións nos Estados Unidos e as súas correspondentes “trumpadas”; o taladrado francotirador que pretendía asasinar a Pedro Sánchez; a crispación social que non se rebaixa e que vén chea de discursos agresivos e actos premeditadamente organizados para polarizar a opinión da cidadanía e enfrontala entre si. Todo moi tenso, todo moi triste e, por riba de todo, perigosamente manipulado.

Ata que chegou Ramiro Folla, o piloto da Rúa, apareceu en escea e a partires de aí xa todo foi risa e chanza.

Foi, obviamente non podo deixar de suliñalo, por unha competición celebrada no Carballiño, como non. O Xtremo Mesego, cun inmenso esforzo organizativo por parte dun grupo de rapaces do pobo que, xa por si mesmo, merecería esta atención mediática.

Así, algo tan, a priori, pueril coma que o apelido do rapaz sexa Hoja traducido ao castelán, combinado ca picaresca, voluntaria ou non, do devandito titular, deu lugar a inifinidade de memes, chistes e xogos de palabras. Tanto foi así que nas páxinas de Facebook de grandes do humor coma Gomaespuma ou Faemino e Cansado (reverencia), fíxose referencia á nova. Incluso Andreu Buenafuente no seu monólogo dedicou uns segundos a comentar o caso.

A actitude do protagonista foi exemplar. Deu unha auténtica lección moi mala de ver nistes tempos. Lonxe de ofenderse ou facerse o ofendido como está tan de moda neste mundo do políticamente correcto e do políticamente violento, incidiu na broma, deu entrevistas e fíxose partícipe do xogo. O dito, un fenómeno.

Así, durante un anaco, demasiado breve, por certo, a tensión e a agresividade dos extremos que marcan o día a día na prensa e por engadido da xente na rúa, converteuse en chascarrillos, risas e, por suposto, tomarlle un chisco o pelo a tódolos Ramiros do país.

Foi un pequeno oasis, unha tregua que amosa ben ás claras que a xente quere tranquilidade e motivos para sorrir. Sen embargo, hai algúns que teñen decidido que o que cómpre é cabrear permanentemente a todo o persoal e canto máis enfadados uns e outros, mellor.

A ver se aprendemos. Hai que honrar máis o apelido deste rapaz e non andar tanto a querer pelexar co veciño porque pense distinto. Que nunha destas, acabase o mundo e...

Te puede interesar