Opinión

A sanidade galega vén de África

Vou exercer de augur. Sen necesidade de recrearme na lectura da súa man nin nada diso, voulle aventurar algo do seu futuro. Se non é vostede un deus, un vampiro, Mick Jagger ou Jordi Hurtado, antes ou despois, vaina palmar. E é que desto de finar non se escapa ninguén. Antes devanaba moito os miolos coa cuestión pero, co tempo, aprendín que sufrir polo inevitable é un pouco como ir morrendo por entregas. Ou sexa que mellor aproveitar a vida na medida do posible e cando sexa a hora da parca, pois xa se verá. Outra cuestión é como se pode chegar a ese ineludible compromiso. Tendemos a pensar que vivimos nun país civilizado, con certas garantías. Beneficios alcanzados con gran esforzo de moitos. 

O golpe de realidade vén cando alguén tén que ver pasar a vida por diante porque un burócrata decidiu nun despacho que non hai necesidade de cubrir a ausencia de certo persoal sanitario. Se hai baixas ou vacacións, pois que a xente enferme menos. Lembro que durante certo tempo, houbo un encarnizado debate sobre unha frase que pode semellar rimbombante e, incluso, efectista. “Os recortes matan”. A resposta, se non era evidente xa, chegou, por desgraza, ao PAC da Estrada hai un par de semanas. A non sustitución dun médico de urxencias, provocou que un home falecera sen ser atendido no mesmo centro de saúde. 

Así, podemos afirmar que aplicar rebaixas á sanidade pública non é un asesinato pero achegáselle un pouco. Xa podían aplicar a rebarbadora dos recurtes ás quilométricas listas de agarda.  Pódennos mentir canto queiran pero obrigar ás familias de Trives e Caldelas a percorrer 50 quilómetros para levar aos seus cativos ao pediatra está moi lonxe de apostar polo rural. E, por suposto, está a anos de luz de tratar a tódolos cidadáns por igual. Capítulo aparte merece a precarización das condicións laborais do persoal sanitario. A canción do escándalo de Rafael describe o que sinto cada vez que me contan. 

Son xente que padece por partida dobre estas políticas. Da igual médicos, que enfermeiros, que auxiliares, que celadores. Son os que dan a cara ante o cidadán, xa que os que toman as decisións, permanecen a acolleito na atalaia dos seus despachos. E son tamén os que ven como lles ripan dereitos cada día que pasa. Contratos dun día, dunha semana, horarios caóticos, xornadas maratonianas, baile de destinos, por non falar de dereitos básicos que son violados sen miramentos no caso do persoal interino. Todas estas falcatruadas fanllas a esa xente que ten que coidar de nós e dos nosos seres queridos cando falla o máis importante, a saúde. É palmario que en Galicia vivimos neste eido unha regresión e unha grave merma nos nosos dereitos. O problema deriva de que alguén descubriu, hai xa tempo, que na saúde hai un gran negociete. Así o presidente Doble Cero, insiste en contarnos en que vivimos no país da piruleta e os arcos da vella con sete médicos por habitante e onde as listas de espera son contos de Asimov. Namentres, a teimuda realidade converteo unha e outra vez no Pinocho dos Peares.  O exercicio de razoamento é sinxelo. Se unha boa sanidade salva vidas, entón unha mala sanidade…?

Te puede interesar