Opinión

50 anos da fin da cadea guineana

As cadeas emigratorias son moi curiosas e o seu estudo é clave para saber de nós. Aquén e alén mar, cara e cruz. A cousa empeza simple: unha persoa marcha a un lugar afastado, vaille ben e logo turra dos coñecidos. Chámaos porque prefire empregar a xentes coas que ten en común a procedencia. Outras veces, porque hai oco para emprender aventuras paralelas. Moitas, porque nas voltas ocasionais ás festas da aldea, engaiolaba aos demais mozos co relato das marabillas vistas ou vividas. Imaxinen o efecto imán que produciría, nos anos vinte, no bar da comisión un que invitase, de Vilarchao en Cuba, que estivese polas festas do San Xoán a pasar uns días a Coles, e contase da radio, dos cabarets, da tropical e libertina Cuba. Ou un de Vilamarín de Buenos Aires e falase da luz eléctrica, do tren subterráneo, de rabaños de milleiros de vacas sen nome, da Avenida Ribadavia con máis de 35 quilómetros de longo ou da 9 de Julio con 140 metros de ancho. Así, xurdiron moitas cadeas de diferente sorte. Unhas famosísimas chegan a nós con forza. Como a dos mexicanos de Avión. Ou os panameños das terras do Carballiño. Outras máis achegadas e modestas. Os de Allariz no País Vasco. Os de Bande en Barcelona. Os de Entrimo en París... E mesmo hai lugares nos que se entrecruzan. Os de Celanova, en Nova York, pero tamén en Venezuela e en Chile... E van desaparecendo co paso do tempo. Algunha cidade do Brasil, como Belém, foi fundada, practicamente só por galegos, pero iso foi a mediados do século XIX e xa se borrou entre nós a lembranza. Outras, pequenas, esmorecen bioloxicamente. Citarei dúas: Os de Trasalba, Amoeiro, que foron a Luxemburgo nos anos sesenta, e os de Congrostro que foron a Xenebra, a traballar no aeroporto. Hai ducias de cadeas así por toda Galicia. 

O ano pasado o amigo Edmundo Moure regaloume na súa casa de Santiago de Chile, un libro (Chaguazoso, una aldea gallega de ultramar) no que a chilena María Nieves Sánchez esculca na historia da cadea que levou aos veciños desa aldea da Mezquita a aquel país, a facérense, de partida, panadeiros. Entrevistou ducias de persoas, revisou montes de documentación e logrou facer unha árbore xenealóxica desde a inicial de chegada (1945) ás chamadas posteriores, e os entrelazos das familias Domínguez, Cifuentes, Diéguez, Yáñez, Barxa, etc. Fermosísimo libro que ben debería ser aquí editado e distribuído.

Pero agora quería lembrar unha cadea extinta de golpe, hai exactamente 50 anos. O día 12 de outubro de 1968 asinouse a independencia de Guinea Ecuatorial, e desde ese momento a situación foi a peor e os españois houberon de escapar para salvaren a pel en tres ou catro meses. Pois ben, como xa descoñecen os mozos, en Ourense había moitas xentes da comarca de Celanova, case todas de Quintela de Leirado, que tiñan as súas explotacións agrícolas en Santa Isabel. Ata alí chegou, co licor café, a peste do metílico. En fin, os que de alí saíron por pernas con vinte e cinco anos, teñen agora, miren que listo, 75. Sería cousa de recuperar esa historia, de facer un estudo que descoñezo que exista, sobre a emigración ourensá a Guinea Ecuatorial. Unhas cantas entrevistas, unhas cantas fotos e uns cantos datos e xa está armado. Como homenaxe a aquela ruptura brusca hai medio século, como homenaxe a aquelas vidas con memorias de África pechadas nos caixóns do esquecemento.

Te puede interesar