Opinión

A grafía do demo

Pois como seica a orde de factores non altera o produto, tanto dará dicir a demografía ourensá como a grafía do demo en Ourense. Porque cada vez que saltan as cifras do retroceso poboacional de Ourense, penso nunha mensaxe que nos escribe o demo sen palabras, só con números: extinción. O único problema de verdade. O resto gaitas. E iso que eu por vida e traballo móvome nunha zona chea de mocidade que nos podería enganar e facer pensar que non existe o problema. Concordarán comigo en que a parte norte da cidade, entre Curros Enríquez-Cardeal Quevedo e a zona das Lagoas, concentra, por horas, boa parte da mocidade ourensá. Os alumnos de Franciscanas, Curros Enríquez, Mestre Vide, IES As Lagoas, Portovello, Manuel Sueiro, Escola Oficial de Idiomas, Conservatorio, Universidade son o contrapunto ao extremo sur da cidade coas vellas Residencia Sanitaria, Hospital e incluso, falando de máis, tanatorio As Burgas ou de Santa Mariña. Vivo e móvome, sobre todo, na zona da máis vida emerxente, pero iso non me engana e podo ventar, como calquera, a situación do problema poboacional ao pouco que me mova. 

A solución non a sei. Só intúo ideas contrarias. Cando se di que a xente non ten fillos porque non ten cartos, penso en que a realidade tende a sinalar o contrario. Nas sociedades tradicionais, os pobres tiñan moitos fillos, e gabábanse do tema, porque os nenos eran unha forma de riqueza. Si, a pesar de que fosen máis bocas que alimentar eran sobre todo máis mans para traballar, e para axudar a un cando fose vello. Tamén é fácil observar que detrás dos nacementos existe un factor ideolóxico nada despreciable. Sabemos todos que as familias do Opus tenden a ser moi numerosas. Como as dos católicos norirlandeses que van incrementado a súa ratio fronte aos protestantes de forma imparable. Como as dos palestinos ou a dos xudeus ortodoxos, que fan da demografía cadansúa bomba social.

Tamén é habitual ver no País Vasco mozos modernos -vestidos como os de “Oito apelidos vascos”- con varios fillos pola rúa. Hai países, tamén, onde ter descendencia é un feito menos reflexivo, máis inercial, máis integrado socialmente. En Chile, por exemplo, non é nada infrecuente ser estudante universitario con fillos. Seica unhas seis mil mozas están nesta situación. Que se reproduza a xente nesta idade parece boa cousa aínda que nós tendemos moito máis a ver as desvantaxes na organización futura das vidas, e iso fréanos. Pero así nos vai, tamén, que de tanto pensalo, de tanto planificalo e estudalo, decidimos, ás veces egoistamente, non complicarnos con reproducións, sempre incómodas. En fin, cando un dá unha volta polo Ourense centro, digamos rúa do Paseo, ve que vivimos nun país de vellos. E xa non digo nada se un vai a esas aldeas hai cincuenta anos cheas de rebuldeiras escolas unitarias e agora pasto das silvas. 

A grafía do demo estase escribindo con pluma de ferro e tinta de escaseza. Á parte das axudas que haxa que inventar, cómpre un cambio de mentalidade. Sen iso, non hai nada que facer. Porque o tema técnico da reprodución é moi simple e non fai falta que llo explique. Creo.

Te puede interesar