Opinión

A nosa BBC esquecida

Entre abril de 1947 e xaneiro de 1956, a BBC de Londres tivo emisións en lingua galega. Pequenas pero significativas. Dez ou quince minutos semanais. Insertas nun recuncho das emisións españolas e alternando co catalán e co vasco. Programas culturais con colaboracións de xente de España e de Londres. Incluso se emitiron gravacións feitas aquí en Galicia polo director da Sección Española, Sr. George Hills, quen visitou o país en abril de 1955. Grazas a el soaron na BBC as voces de Francisco del Riego, Alvaro Cunqueiro, Sebastián Martínez Risco, Fermín Bouza Brei, Aquilino Iglesia Alvariño, Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Díaz Jácome, etc. E por mor dos textos enviados por correo postal ou a través da embaixada léronse ducias de colaboracións de practicamente todos os intelectuais galegos do momento. Desde Ourense, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Pura Vázquez, Faustino Santalices, Chamoso Lamas, Alfonso Vázquez Martínez, Celso Emilio Ferreiro, Teodoro L. Sanmartín, Leuter González Salgado ou Ben Cho Shey.

A cousa foi organizada así. Dous traballadores da BBC, un catalán -Josep Manyé- e outro de Ourense –Alexandre Raimúndez- propuxéronlle á emisora facer esas emisións. Cada un teceu as súas redes de colaboradores pagos -a BBC outra cousa non quería-, remitíanlle os textos e alí os radiaban. Non hai gravacións porque por tema sindical non se permitía gravar a voz dos locutores. Pero dos guións hai varias copias. Unha na RAG -deixada por Raimúndez nos anos sesenta- outra tíñaa del Riego, e outra Leuter en Ourense. Alexendre Raimúndez, irmán dun famoso xastre, exiliarase en Londres no incio da guerra. Pero desde Barcelona. Non as tiña todas consigo porque participara na fundación das JONS con Ledesma Ramos. Ninguén sabía isto en Londres. Un día encontrou por alí a Augusto Assía -polo menos isto me dixo el a min na súa casa de Xanceda- e rogoulle que lle gardara o segredo. Así ao dicir “exiliado español”, todos pensaban que fuxía de Franco e non había porque “entrar en detalles”. Augusto Assía, gardoullo. Raimúndez ten o moito mérito de ter sido impulsor, redactor e locutor case todo o programa. No primeiro, o 14 de abril de 1947, todos era de Ourense. Interviñeron el e Augusto Assía e remataron oíndo o alalá de Bande, nun disco da Coral de Ruada. E de Londres pediu axuda aos amigos Ben Cho Shey e a Leuter González Salgado e ambos fixeron de correspondentes para remitir as colaboracións dos amigos, e ambos orientárono para que falase con Francisco del Riego, en Vigo, como centralizador do resto das colaboracións que non fosen de Madrid ou Ourense.

A verdade é que desde que presentei nun congreso en Oxford un traballo sobre o tema, en 1994, levo insistindo en que sería preciso poñer unha placa na sede da BBC, en Londres para homenaxear esas emisións como fixeron en 1992 os cataláns. Podía ser a Xunta, a RAG, o Consello, o Parlamento ou o Sursum Corda. O setenta aniversario tería sido outra boa ocasión. En fin, que se non o fan desde Santiago, se cadra hai que promovelo desde Ourense. Non en Ourense está na orixe de todo, e George Hills a última vez que estivo por aquí, logo de colaborar na montaxe da TVG, foi para dar unha charla na entrega do Premio Aurelio Carracedo, en marzo de 1994.

Te puede interesar