Opinión

A pelexa do outro día, etc

O outro día cando foi a pelexa entre os condutores borrachos e o da autoescola drogado, cadroume estar alí ao lado. E nunca mellor dito, ao lado, aínda que podía dicir, de cu. Estaba tomando un café na parte de fóra de El Cercano cun amigo e falando de cousas máis ou menos serias cando empezamos a oír os berros, os golpes, etc. e as invocacións a que había que chamar a policía, que se mataban, etc. etc. A verdade é que era evidente que se trataba dunha cuestión de tráfico, simplemente. E oído o que estabamos oíndo, chisquei a lingua porque me molestaban e non tiven outra sensación. Nin xirei a cabeza, nin me erguín a ver que pasaba, porque a verdade, xente que se pelexa por cuestións de tráfico non me merece interese ningún. Parecerei un soberbio elitista, un estirado, e si, pode ser; se cadra si, pero de aí a prestarlle atención a uns tipos que por unha cuestión tan nimia pelexan, pois hai un cacho.

En fin, se hai un roqueiro que me resulta simpático, non só por feo, forte e formal, senón porque di o que pensa, vai directo, e non lle importa en saírse do politicamente correcto, é Loquillo. E si, el nun temazo canta unha estrofa que se podía aplicar perfectamente a estes tipos. Canta o barcelonés: “Resuelven sus problemas de forma natural, para que discutir si puedes pelear”. Efectivamente, isto deberon pensar os borrachos e o drogado: para que enzoufarse nunha discusión se poden usar os puños. O militar prusiano, estudoso e teórico das guerras, Carl von Clausewitz, dixo aquelo de que “a guerra é a continuación da política por outros medios”, e estes deberon pensar, claro, que “as pelexas son a continuación da discusión por outros medios”. Ou sexa en vez de cabeciña, musculiño. Pero nada máis lonxe.

Cando exercía de xerif pacificador no IES As Lagoas -ou sexa xefe de estudos, e disto hai moitos anos, se cadra unha década- sempre argumentaba en contra das pelexas, e a favor de ignorar olimpicamente as provocacións cun símil: “Se vas por aí é che ladra un can, ládraslle ti?”. Como o normal é que a xente non ten, de momento polo menos, o costume de responder aos ladridos con ladridos, pois eu chamaba a desprezar ao que trata do ofender con esa semellante consideración. Moito máis facilmente entendible que esoutra de aconsellar “como quen oe chover”.

En fin, que anda a xente crispada. Nótoo, entre outras cousas, ao saír do garaxe co coche. Saben todos vostedes, os que saen de garaxes dentro da cidade, que hai un momento no que un está en mans dos outros. Efectivamente, ao sacar o fuciño do coche á acera -beirarrúa pola moderna- un debe ter coidado máximo cos peóns que pasan. O normal, o de boa xente, parece que sería que o que non está nese momento de dificultade, ou sexa o peón, facilitase a manobra, xenerosamente, cun acenar da man indicando que se incorpore á calzada; ás veces ocorre. Tamén, sobre todo en hora punta nas rúas de moito tráfico como Samuel Eiján, hai que contar coa complicidade dun condutor -con condutora non se me deu o caso en dez anos- que che facilite a incorporación cun xesto semellante. Como ambos, peón e condutor, non teñen obriga de deixarche pasar, os que así o fan quedan de boa xente, amable, xenerosa, tranquila, solidaria, que pensa nos demais, etc., e os outros, pois quedan de repunantes. Con todo dereito, iso si. Pero repunantes. E non penso discutir. Nin pelexar. Non ho.

Te puede interesar