Opinión

Acisclo, Buciños, Cristina, Felicidades!

ABC, Acisclo, Buciños, Cristina. Por orde alfabética que é un recurso fácil para nomear sen preeminencias. Sometemos á orde aleatoria dos nomes a tres persoas, tres amigos que soben, de novo, a podios destacados. Iso que tamén podería facelo doutra maneira e empezar por Cristina Pato, claro, por ser ela ben máis guapa e moza que os outros dous xuntos. En calquera caso, esta coincidencia no tempo é algo fermoso nesta primavera, tan abondosa en premios culturais e optimismo de raíz climatolóxica aínda que con outros desacougos sociopoliticoeconómicoseculturais dos que agora fuximos.

Empezarei felicitando aos xurados de ambos certames. Cando unha escolla é entendida pola maioría como ben feita -como non teño dúbidas é o caso- prestixia o premio. Cando a decisión semella incorrecta, arrástrase a dúbida do premiado ao propio galardón. Por iso medallas Castelao e premios Otero Pedrayo gañan moito neste ano 2017.

Cristina, empecemos por ela, cruzouse xa dúas veces co don Ramón da rúa da Paz ou de Trasalba, como prefiran. A primeira foi cando estudou de noviña no instituto do seu nome. Logo, hai catro anos, levou o premio Trasalba outorgado polo Fundación Otero Pedrayo, a unha traxectoria, a un compromiso, a un éxito sobranceiro. O seu marabilloso discurso naquela ocasión sobre unha forma de proxectar o país cun sorriso no mundo a través da excelencia dun traballo creativo ben feito, debería ser estudado en todos os institutos do país. Exemplos de sensibilidade, compromiso e esforzo como o de Cristina, ben cómpren a mozos e non tan mozos deste país. E de Otero, ao seu “irmán” Castelao. Non sei se falará, tocará, bailará ou calará na recepción deste novo premio, pero en calquera caso será un orgullo vela de novo enchendo o escenario coa súa luz. Felicidades de todo corazón.

Acisclo, volvo á orde alfabética, estaba predestinado polas Musas. O seu nome, Acisclo, vén do latín “acisculus” que era un diminutido de “ascia”, que deu en castelán “hacha”, e parece directamente emparentado con “aixola”, que é en galego o nome dunha ferramenta para desbastar madeira, a materia escultórica iniciática de todo escultor. E ten apelido de árbore, froito e madeira. Acisclo sempre anda polo medio neste Ourense cultural e a todos nos deleita coas súa anécdotas dos amigos, íntimos como Xaime Quessada, ou mestres como os de Nós. Sempre lembrarei un día que contaba o distinto comportamento deles cando se falaba mal dun amigo: Risco pechaba os olliños e axiña se abstraída dándolle nervioso ao pé; Otero afogaba o interlocutor nun barroco torrente de palabras, e Cuevillas levantaba o caxato e reprendía ao insultador. Felicidades Acisclo, felicidades mil.

Buciños, Manolo Buciños, é un queridísimo ourensán, xa desde os anos dos artistiñas, das terras ourensás de Lugo, dese seu sur que é o noso norte. A súa aldea de Buciños, nas terras de Carballeda, acabou por comerlle, amistosamente, os apelidos: Manuel García Vázquez pode ser calquera, pero Manolo Buciños só hai un. O grande e xeneroso escultor que enche Galicia e máis alá, de amizade, calma, e dos seus fermosos soños feitos almas con corpo de bronce e pedra. Como os nenos en fronte da Biblioteca Nacional en Madrid, ou tantas e tantas de Galicia. Sempre lembrarei as plaquiñas que nos regalaba para as ceas do Clube Alexandre Bóveda e que eran o asombro dos asistentes... Graciñas Manolo. Felicidades sempre. ABC, o incio dos soños de palabras formas e sons. Felicidades todos tres... e todos nós. 

Te puede interesar