Opinión

Actitude 144

Se fose sociólogo escribiríalles un libro sobre o comportamento que titularía “Actitude 144”, pero como non son, abóndame o espazo deste artigo. 

E versaría o tal sobre as dificultades que teñen os nativos dixitais no mundo hipercomunicado da actualidade para ler textos amplos, escoitar con atención durante un tempo que exceda uns poucos minutos e reflexionar con calma sobre calquera asunto. 

Prevalece hoxe entre as actitudes vitais dos nativos dixitais da última xeración, como sabemos todos, unha necesidade case angustiosa de resposta inmediata á satisfacción de calquera tipo de desexo. E a frustración por non conseguir ou por non poder facer o que queren de inmediato, é alta, irrefreable, sobre todo, entre moitos rapaces provenientes de medios onde non se inculcan, ou non se dan inculcado que non é o mesmo, valores de respecto aos demais, traballo, esforzo e constancia. Cada vez é máis difícil que os rapaces, por exemplo, atendan vinte minutos a alguén que lles está explicando, digamos, un edificio, ou que lles está contando incluso algo máis próximo como pode ser a elaboración da Galipedia ou o funcionamento de Youtube. A urxencia de comentar algo cos amigos adoita sobreporse a calquera outra realidade. Se hai unha pequena parálise, un alto o fogo no bombardeo de estímulos ultrarrápidos -imaxes, musicas, etc.- axiña aparece como o grande temor a frase “me aburro”. Como se tal fose algo espantoso, horrible, e non unha porta ao coñecemento propio e ao pensamento demorado sobre todo.

En fin, que a marxe de manobra dos pais fronte ás transformacións psíquicas que se crean nos mozos e mozas en dependencia do trato constante cos aparellos inmediatistas -ordenadores, teléfonos, tablets- é bastante escasa. As prohibicións radicais xeran unha anovada atracción polo vetado e, incluso, ocasionais e case violentas reaccións do “pantallo-depedente” ante a carencia da “droga”. É curioso e significativo que os mozos cheguen a dicir que non saberían vivir sen móbil, e é constatable por parte dos educadores que cada vez hai máis problemas de socialización entre eles. A miña sorpresa foi grande cando nunha clase algúns rapaces -sobre todo rapazas- dixeron preferir escribirse wasaps antes que falarse á cara. As teclas non teñen o perigo dos ollos.

Ante a velocidade de localización do dato buscado na rede, o tempo de reflexión sobre o dato parece innecesario, parece “perda de tempo”. A rapidez da lectura habitual á que están afeitos -case só eses 144 caracteres que ocupa, exactamente, a primeira frase deste artigo- dificulta o interese na percepción de textos maiores ou o camiño do coñecemento. Neses caracteres -chíos, tweets, por exemplo- só entra un enunciado co que se pode ou non estar de acordo, pero non é abondo para incluír información que provoque unha reflexión razoada, nin algo que nos faga dubidar, ou sexa avanzar na nosa construción persoal da percepción do mundo. Por iso as inercias sociais e comunicativas nos están situando máis como elementos binarios de si ou non fronte ao estímulo exterior, antes que como cidadáns que pensan, crean pensamento e chegan ás súas propias conclusións. Sería bo un parón dixital xuvenil durante as vacacións. Seguro que hai moitas cousas que facer, sen andar todo o día coas pantallas prendidas e orellas ocupadas. Ou sexa, presos das pantallas e abouxados polo ruído.

Te puede interesar