Opinión

Agnosticismo comunicativo

Sabe ben o culto lector que así como os ateos negan radicalmente a existencia de Deus, os teístas afírmana, e os agnósticos din que é unha cuestión tan fóra da capacidade de compresión humana, tan incognoscible, que non paga a pena esforzarse ou preocuparse. 

Pois ben, a sociedade é moito máis complicada que hai anos. Antes moitos coñecementos eran monopolizados ou por grupos gremiais pechados ou por elites culturais. Agora estas destrezas son comúns. Todos sabemos ler e escribir, manexar un teléfono ou un ordenador, conducir, sacar fotos, falar tres ou catro idiomas, todos sabemos andar nas redes sociais e os concertos e os museos están ao alcance de todos.  E canto máis sabemos, máis capacitados cremos estar para xulgar o que acontece en calquera parte do mundo, para crear e emitir opinións. 

Pois ben, creo que dada a omnipresenza e multidireccionalidade do mundo da comunicación instantánea, e dado o hábito inercial de emitir opinións e xuízos sobre todas as cuestións por parte de todo o mundo, creo que averiguar “a verdade “ dun asunto é hoxe tan complicado como chegar a unha conclusión sobre a “existencia ou non de deus”. Incluso, a verdade, nos tempos da postverdade, está devaluada.  Fálase moito da xestión do Big Data, esa enxurrada de millóns de datos cada segundo que van polas redes e que hai compañías que xestionan, dirixen, esculcan, compran, venden, etc. etc. E nesta liña, creo que unha parte singular dese Big Data, sería o “Big Comunication data”, onde encontrariamos un mundo de opinións, datos, crenzas, temores, prexuízos... interactuando nunha nebulosa esvaída e de complicado análise e máis difícil discernimento. Aí, se cadra institucións como o discreto e escuro Instituto Tavistok, fundado en 1947 para aplicar as leis da psicoloxía moderna ás masas, están no miolo, no punto central, da espiral na que vivimos. Pode ser.   

En fin, unha posible análise certa da realidade de amplos conxuntos humanos,  creo, é, por complicada, incognoscible, indiscernible para a persoa particular. Exemplo Siria. Temos unha opinión formada sobre quen botou os gases que mataron aí atrás a uns cidadáns?  En base a que formamos esa nosa opinión? Cal é nivel de fiabilidade dos media? E dos axentes políticos? Temos algunha posibilidade real de poder estar informados verazmente? Este, ou calquera outro caso. Os grandes grupos creadores de opinións, canto máis libre son de actuar, máis éxito conseguen no control das masas. Vladimir Putín, coa prensa aferrollada, manexa tempos, informacións, sentimentos, masas, ata converterse nun lider aclamado na vella Rusia.  Donal Trump empata cada vez máis coa América profunda. Ademais, a aparición como elemento cotián co que hai que convivir, do uso lixeiro das mentiras -suavizándoas coa denominación de “postverdades”-non mellora  as cousas. As inexistentes armas de destrución masiva de Iraq poderían ter marcado un punto de inflexión mundial na reflexión sobre a verdade. Sadam Husein non tiña armas de destrución masiva. E a resposta do sistema parece ser, “E que máis ten?” En fin, creo que o tema é xa como os agnósticos comunicativos xestionamos a formación da opinión.  Ou se renunciamos a tela.

Te puede interesar