E agora, o museo de Belas Artes

E agora, o museo de Belas Artes

É tempo de deixar que as boas noticias sobre o Museo Arqueolóxico sigan o seu camiño e poñerse con toda determinación a traballar sobre o museo de Belas Artes que Ourense precisa. Voulles explicar a miña idea, que a teño bastante meditada.

O vello Museo da Praza Maior, cando o montou Ferro Couselo, era Arqueolóxico de Belas Artes e Etnografía. Por iso tiña cousas dos castros, obras de arte, do mundo medieval a Quessada, e obxectos etnográficos. Hai anos, esgazárase a parte Etnográfica para facer nacer o Museo Etnolóxico de Ribadavia, mentres o da Praza Maior mantiña os fondos arqueolóxicos e de Belas Artes. O proxecto a concurso estes días é para a construción do Museo Arqueolóxico, e non inclúe a vella sección de Belas Artes.

E, como lles dicía, é tempo de pensar nela, unir vontades e tomar decisións. Para empezar, contando coa indubidable dirección no tema dos técnicos do único museo existente na cidade, e que, por outra banda, teñen os mellores fondos e a máxima experiencia. Pola miña banda, e aínda que se puidesen barallar outros espazos infrautilizados no centro da cidade -tipo Goberno Militar, Cárcere, etc.- creo que existe un ideal, xa arranxado ou case, e que estamos a tempo para redefinir un uso nesta liña. Vexamos. Na zona de San Francisco imos ter un polo cultural da cidade: auditorio, escola municipal de música, biblioteca provincial, arquivo provincial... Así pois, tería todo o sentido do mundo que, co concurso sinérxico das institucións, se decidise a suma e integración dunha serie de espazos ao redor do Claustro de San Francisco, para montar alí o Museo de Belas Artes.

Explícome. Sumando o espazo actual da “Escolma de Escultura” máis o espazo do “Albergue de peregrinos” -xa na Barreira-, máis o espazo onde estaba a Igrexa de San Francisco, máis as salas que rodean o Claustro e o propio Claustro en si, pois habería espazo abondo para pensar en facer un museo de Belas Artes que integrase coleccións desde o mundo medieval ata os tempos contemporáneos, xunto cos seus almacéns e espazos de restauro. Ademais serviría de presentación do noso mundo románico rural e de integración consorcial das coleccións públicas de Concello, Deputación, Arqueolóxico, Caixa Ourense (sería posible coa suma de Abanca?) e de atracción doutras coleccións privadas que, como estamos vendo estes días na magnífica exposición do Marcos Valcárcel, son interesantísimas.

Independentemente do que se pensase noutros momentos, é obvio que xuntar esforzos institucionais, redefinindo e optimizando o uso de locais aínda virxes, é a mellor vía para ter uns espazos concretos sobre os que proxectar reflexións museolóxicas e museográficas, con custos e prazos razoables e asumibles. Xa está ben de facer cousas como Verbum de Vigo, a Cidade da Cultura, ou tantos outros lugares onde o último era o proxecto do uso e o fundamental era a venda do ladrillo ou a venda política.

Era o aldeán “ti vai facendo que logo xa veremos...”, neste caso, “como o enchemos”. Agora, noutra fase histórica e con outro espírito, cumpría sentarse, e, con mentes abertas, ver como pode concretar ese espazo museal de arte, para esta “cidade de artistiñas” da que sempre presumimos e que carece -único caso en Galicia- de referencia concreta. Creo que os políticos, para non volver caer en erros evitables, deberían empezar por escoitar os consellos e indicacións dos técnicos de museos que existen na cidade -os que pasaron por oposicións, os de valía contrastada, os expertos en xestión- e deixarse orientar para construír ese espazo ao redor dun dos principais monumentos que ten a cidade.

Estou seguro que sería non só posible senón ideal, un novo esgazamento do vello tronco común, e que a vella sección de Belas Artes do Museo Arqueolóxico enxertada por mans expertas en San Francisco, e ben abonada polas institucións e cidadáns, frutificase nese novo Museo de Belas Artes de Ourense que precisamos e do que todos nos sentiriamos orgullosos.