Opinión

Aínda máis sobre os galegos de Buenos Aires

Perdoen que lles insista no tema, pero quen non ten un tío en América? Quen non tivo parentes alá? Eu, cando fun por primeira vez, en 1987, tiven contacto con familia polos meus catro avós. Polos Vázquez-Monjardín, polos Blanco, polos Fernández e polos Pereira. A uns fóralles mellor e a outros peor. Como a vida mesma. Daquela, lembremos, non só emigraban os que non tiñan que comer -aquí en xeral sempre comemos todos- senón os que querían progresar. Contábame un descendente dun Vázquez-Monjardín, veterinario, emigrado en 1920, a facilidade para desenvolvese profesionalmente nun país aberto como Arxentina fronte ás vacas que levaban escapularios colgados nos cornos naquel tempo e aos seus propietarios pouco receptivos a avances. E si. Lembremos, por exemplo, que Blanco Amor ou Tacholas foron emigrantes de cidade, nacidos o primeiro na rúa da Paz, o segundo na de Santo Domingo. Non desertores do sacho senón procuradores do progreso na grande cidade onde máis galegos había -máis ca na Coruña ou Vigo- ou sexa, dalgún xeito, na cidade galega máis grande do mundo.

Remataba a entrega anterior falándolles do Centro Ourensán de rúa Belgrano, por fronte do Centro Galego. E que foi del? Pois cóntolles. A medida que a emigración desaparecía xurdiron dúas alternativas: federar as entidades pequenas ou integralas nunha única estrutura. Os máis á esquerda preferiron en xeral conservar a estrutura federal, e os galeguistas -coa excepción de Otero que defendía á base parroquial- e máis modernos, decantábanse pola integración. Así, os centros Pontevedrés e Coruñés primeiro e logo o Lucense e Ourensán foron xuntando entidades das súas provinciais e en 1979 fusionáronse no Centro Galicia, sen dúbida, os máis dinámicos e con máis visión de futuro. Como primeira sede tiveron a antiga de Belgrano 1.841- onde traballei eu en 1987- e foron vendendo as outras sedes -entre elas a do centro Ourensán, que eu quería que comprase a Xunta, para facer unha oficina neutral e poder xuntar bibliotecas, etc. e ofrecer información turística e económica do país de orixe- e logo, os do Centro Galicia, deron o salto, venderon a de Belgrano e construíron un grande edificio moderno en Bartolomé Mitre, no barrio do Once, que antes era zona xudea. Empezaron por un parking público en 1990 -co que garantizaron ingresos desde o primeiro momento- e foron erguendo un edificio con sectores deportivo, institucional, cultural, comercial, de servizos e educacional. Estes mesmos directivos foron os impulsores da creación do Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol, inagurado en 1998, e non que non só estudan os fillos, netos e bisnetos da colectividade, senón que é un centro de grande nivel, aberto a alumnos de todas procedencias que se achegan a unha das comunidades que formaron o seu país, Arxentina. 

O Instituto Galego Santiago Apóstol -que eu prefería se chamase Rosalía de Castro, seguindo o modelo do Cervantes, Goethe, Dante, para que non se pensase que era un centro confesional- é hoxe a mostra de modernidade máxima da nosa colectividade en Buenos Aires e lugar de peregrinación de conferenciantes e visitas institucionais. As viaxes dos seus alumnos todos os anos a Galicia móstrannos que é o camiño adecuado para manter a nosa presenza naquelas terras. Sen dúbida a este éxito non é alleo o traballo eficaz e esforzado de Carlos Brandeiro, profesor de lingua e literatura do mesmo, e tamén actual director e membro correspondente da Real Academia Galega. Seguiremos.

Te puede interesar