Opinión

Alfonso Zulueta de Haz, o adeus dun cabaleiro

Omeu trato con don Alfonso Zulueta de Haz non foi intenso. Coincidimos varias veces na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba -era membro do Padroado da Fundación Otero Pedrayo-, coincidimos no Consello da Cultura Galega, do que foi presidente de transición entre a inesperada morte de Carlos Casares (2002) e o ascenso á presidencia de Ramón Villares (2006)  e ata coincidimos algunha vez visitando exposicións en Madrid.

 E podo dicir que sempre me pareceu un gran señor, un gran cabaleiro, unha desas persoas elegantes, distinguidas, cun natural equilibro entre o sorriso e a seriedade, entre a afabilidade dominante e a distancia precisa. E outro tanto podería dicir da súa dona dona María Teresa Fernández.

Eu sabía que don Alfonso Zulueta era un notario de moito prestixio en Vigo,  e que pertencía ao que poderiamos denominar a elite do galeguismo católico e que mantiña de sempre unha actitude fondamente xenerosa, participativa e comprometida co medio no que se desenvolvía. Por iso, á parte de ser conselleiro na Editorial Galaxia que fundou en 1966 foi, con Xaime Illa Couto, Agustín Sixto Seco, e outros, a Editorial Sept, editorial católica desde a que se esforzaron na galeguización da liturxia e dos textos sagrados -eles foron os responsables da edición da Biblia en galego en 1989 -por certo, hoxe accesible na rede en www.abibibliagalega.com – e doutros moitos libros.

Zulueta foi peza clave en moitas iniciativas culturais e sociais dos anos sesenta e setenta, Fundación Penzol, Ateneo de Pontevedra, Consello Social da Universidade de Vigo, integrante do Consello da Caixa de Aforros de Vigo, e se cadra o máis persoal del, a Fundación Tutuelar Galega para persoas con Discapacidade Intelectual Sálvora que creou e da que foi nos últimos meses, cando a enfermidade lle impedía exercer un papel máis efectivo, Presidente de Honra.

Como grande señor, tamén puxo a súa mellor vontade no intento de resolución dos problemas do conxunto da sociedade e participou no impulso, mediada a década dos setenta, do Partido Galego Social Demócrata, pero non tivo o éxito agardado.  Marchou onte, logo de 93 anos cheos de bonhomía, servicio e compromiso. Deixa unha gratísima lembranza entre todos os que o coñeceron. Descanse en paz. 

Te puede interesar