Opinión

Ao cagarrón, sen acritude

Empezo usando a palabra “cagarrón” que como vostedes ben entenden, é a correspondente ao rexistro máis coloquial -incluso vulgar- da lingua galega para referirse aos calabouzos policiais, cadeas ou prisións. En Ourense, entre o noso léxico particular, e xunto con “carrito” para o bus municipal, “copar” para non ir a clases e outras varias, había tamén a forma “perrera” para referirse no mesmo rexistro lingüístico ao “cagarrón” porque, e sigo con expresións vellas, no tempo do rei que rabiou, estaban eses centros de detención provisionais do Concello preto da “perrera” onde se gardaban os cans abandonados, pola zona da rúa da Barreira. Blanco Amor usa a palabra n’Os Biosbardos ou n’A Esmorga, agora non lembro. “Levar a alguén á “perrera”, pois, sempre foi entre nós sinónimo de levalo ao “cagarrón”. Escollan, pois, vostedes a forma que prefiran. A galega, a exclusivamente ourensá ou calquera outra. O importante, xa o dicía o Manquiña en “Airbag” é o “conceto”. Estamos falando de encarcerar xente, pero sen acritude pola nosa banda, cun sorriso. Malvado, se cadra.

Imos ver. E por levar a contraria. Eu estoulles, máis ben, pouco preocupado pola corrupción. E como pode ser? Porque a enfermidade está detectada e en tratamento. E sobre todo, porque os casos que estamos coñecendo refírense a tempos pasados, á época das “vacas gordas” anteriores á crise. Daquela, cando os laboratorios médicos convidaban a congresos en Tailandia, e era habitual a pregunta “En canto escrituramos o piso?”, os rufiáns metidos a políticos puñan o ganapán no medio da enxurrada de cartos que circulaban, sobre todo, ao redor da construción. E o feito de que se coñezan agora, e de que despois da lentitude inherente á aplicación das leis, estean entrando estes malandríns nos cárceres, pois é unha boa noticia. Evidencia que nos fixemos máis intransixentes coa felonía e que o sistema vai funcionando. A min prodúceme satisfacción -unido á lóxica vergoña allea- ver a irmá e cuñado do rei, aos presidentes de Andalucía, de Madrid, ao fillo do ex-presidente de Cataluña, a tantos outros aproveitados no seu momento dos seus cargos, con graves problemas coa lei. Porque significa que o estado democrático e de dereito que nos demos, funciona razoablemente ben. Creo que agora as cousas se fan mellor ca antes. Os xestores do público, de todos os partidos, teñen máis coidado en como gastan os cartos e os aproveitados saben que non son bos momentos para entrar co cazo por diante.

Ademais teño a percepción de que moitos contratos millonarios de hoxe móvense máis polos debates políticos, sempre co seu aquel de demagoxia, que porque se unte aos que deciden. Creo. E todos somos conscientes de que houbo equivocacións transversais, ou sexa de todos os partidos. A tricefalia dos aeroportos galegos -coa absurda e incómoda nova terminal de Santiago-; a bicefalia pasmosa dos portos exteriores de Ferrol e Coruña ou a megacéfala Cidade da Cultura. Se houbo ou non cazos que engraxasen estas operacións non o sabemos. Pero, en calquera caso, nas “perreras” hai prazas sobras. Así pois, en vez de lamentarnos tanto do que xa foi, vexamos estas actuacións xudiciais e ingresos ás prisións, felices e contentos porque a cousa vai por onde debe. Pero ante todo, cómpre baleirarlles os petos aos malandríns. Que devolvan o que colleron e outro tanto. Polo menos.

Te puede interesar