Opinión

As linguas do rei

Eu non lles son especialmente monárquico. Tampouco especialmente republicano. A experiencia das dúas repúblicas en España, tanto a I como a II, non son para botar foguetes, precisamente. Case diría que, como os do Partido Reformista das primeiras décadas do XX, creo na accidentalidade das formas de goberno. Así, as Irmandades da Fala, hai cen anos, tamén dicían iso, seguindo o exemplo do reformismo pactista. No apartado II, artigo 6, da súa famosa declaración de Lugo de 1918, dicían exactamente: “Crendo na accidentalidade das formas de goberno, interésanos acrarar que non apelamos por ningunha, mais simpatizaremos dende logo con aquela que se amostre mais doada pra chegare â federación con Portugal”.

Ou sexa, monarquía ou república, tema secundario e no que non se mollaban, moi na liña do galeguismo centrado nas cuestións culturais e de identidade máis transversais. Logo compartiría a idea da “accidentalidade” o mesmo Ortega y Gasset e outros moitos. O único importante é a vida democrática. E visto o visto, parece que as repúblicas non acaen ben co apaixonamento do carácter hispano, ou polo menos coa súa eficaz xestión e vida. As que houbo acabaron como acabaron. Pero ben, todo depende, claro, de como se xestione e de quen sexan os xestores. O problema é que, de momento, a idea da república en España vai vinculada directamente ao máis radical do panorama político e a experimentos sociais complicados.

En fin, eu creo que o rei debe espabilar para non afastarse da xente. O pai tivo o plus de ter pilotado o proceso da xenerosa liquidación do franquismo, da construción do estado democrático social e autonómico, de facer de freo final ao golpe do 23 F, sen entrarmos na súa xestación. En fin, logo a golfería familiar, as malas amizades, etc. produxeron un distanciamento da xente, de aí que a abdicación fose unha excelente idea que non se podería demorar.

Agora é o fillo o que debe pórse ao tema de agradar. E eu creo que dado o valor simbólico que teñen as linguas, deberían estar mellor aconsellados e deberían interesarse, tanto el como a filliña, no tema. Ben non me parecera cando viñera inaugurar o curso ao Ben Cho Shey que non tivese un aceno de complicidade co nome do colexio, evocando a memoria de don Xosé Ramón Fernández-Oxea, e que non usara, para nada, o galego. 

En fin, dado que o traballo de princesa non mata, e sobre todo que en idades ben noviñas somos esponxas, non estaría de máis que lle ensinasen, á herdeira, as catro linguas de España. Explícome. Galego e castelán e catalán apréndense sen problema ningún. Ducias de miles de emigrantes galegos en Cataluña pódense desenvolver nestas tres sen problemas. E o vasco, aínda que lle custe un pouco, é o seu traballo. Imaxinan vostedes que a nena -ou xa o propio Felipe VI- chegase a un encontro a Galicia e falase en público e nas conversas privadas a lingua da terra? Ou a lingua vasca ou a catalana? Eu creo que, simplemente, a xente o consideraría moito máis “o noso rei”, “el nostre rei”, ou, os máis monárquicos de todos, os vascos, “gure erregea”.

Os que somos amantes das linguas, os que amamos o castelán polas inmensa posibilidades comunicativas planetarias que nos ofrece, os que amamos o galego porque si, porque é de noso, estariamos, encantados de que a familia Borbón Ortiz tivese máis sensibilidade para coa ecoloxía lingüística. Non só hai que conservar baleas. Ou elefantes.

Te puede interesar