Opinión

Barcelona e o desacougo

Onte, despois das noticias sobre os atentados de Barcelona e Cambrils preguntábame no meu facebook simplemente “Que pasaría se en vez dos Mossos fose a Nacional ou a Garda Civil a que eliminase os cinco terroristas?”. Moitas respostas discordantes. Desde a esquerda e desde a dereita. Non procede, dicían. Incluso un amigo político sinalaba “Esa pregunta non é para este momento”. E eu retruqueille que se tivese o seu cargo non a faría en público, por suposto. Pero a liberdade dos que opinamos non pode estar mediatizada pola conveniencia política de cada momento. Efectivamente, o que eu trataba simplemente é lembrar como debemos ser máis equidistantes coas cousas e valorar en función dos feitos e non de onde veñan. A min paréceme moi ben que eliminasen a ese cinco impresentables, tanto se o fixesen uns coma outros. Pero, recoñezámolo, a garda civil e a policía nacional, as que máis sufriron o terrorismo, adoitan estar moito máis cuestionadas por unha parte da opinión pública que as policías autonómicas que se vén, cun plus de “democracia” como se non houbese transición democrática. O mesmo sería acusar aos deputados nas cortes por ocupar un espazo onde se reunían, con Franco, os procuradores.  Hai sempre unha especie de presunción de culpabilidade, de “uso desproporcionado da forza” de “provocación” que leva, incluso, a que sucesos como a agresión de Navarra a aqueles policías que estaban coas mozas, sexa minimizado e case xustificado. En fin, como cidadán libre compráceme reflexionar máis alá das consideracións comúns e insoslaiables sobre o noxo e espanto que nos produce atolada e depreciable acción xihaidista.

En como a xestión do colectivo, a política, anda en todo, é obvio que unha traxedia como a presente nun momento como o actual, estará rodeada das súas lecturas e das súas manobras. A celeridade, por exemplo, con que o despeiteado Puigdemont organiza a roda de prensa, xunto con Ada Colau e o estafermo -na ocasión- Oriol Jonqueras, fala de que en ningún caso querería compartir tribuna co presidente do Goberno de España para que non lle restase un ápice de protagonismo na crise. Fronte á imaxe de unidade, o Govern estaba interesados en proxectar a idea de que sós, cos seus “mossos”,  a súa garda urbana, os seus políticos, eran abondos para o control da situación. E idea subxacente de que se esta circunstancia límite fose resolta con éxito, sería un tanto a favor de afirmación das institucións propias en Catalaña e no estranxeiro. Por iso, non teño a menor dúbida de que non haberá fisura ningunha no apoio á acción dos “mossos”, como habería noutro contexto de responsabilidades. A lectura que intentarán proxectar é cómo a un goberno con esa capacidade de xestión dunha crise desa envergadura se lle vai impedir facer un referendum? Churras e merinas, touciño e velocidade, allos e cebolas.

En fin, creo que co tema do xihaidismo non debemos ser inxenuos. Sempre houbo diversidade nas relixións, pero en distintas proporcións. Inquisición e ordes mendicantes. Xerarquía católica e cregos guerrilleiros. Xudeus liberais e ultraordoxos. Agora hai islamistas moderados e outros violentísimos. En que proporción? Témome que na xuventude e na marxinalidade sexa sempre máis atractivo o radicalismo. Lean, a súa revista “Dabiq” -transformada hai dez entregas en “Rumiyan”,-ameaza directa a esa “Roma” da que formamos parte-  e entenderán ben a espantosa mensaxe.

Te puede interesar